A Policía Local de Vilanova de Arousa, primeira de Galicia en ter un coche 100% eléctrico
Por Redacción
Un coche 100% eléctrico e con autonomía para uns 270 quilómetros. É o vehículo que acaba de incorporar a Policía Local de Vilanova de Arousa, a primeira de Galicia en contar cun coche destas características.
Tras varios días patrullando, o coche foi presentado este luns polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Os cálculos iniciais estiman que con este vehículo, que se carga totalmente nunhas cinco horas, reduciranse as emisións de CO2 en 100 quilos por cada quilómetro percorrido.
O xefe da Policía Local, José Luis Maquieira, explicou que tras as "reticencias" que tiña con respecto a estes coches a experiencia con el foi "marabillosa", xa que o vehículo non contamina, non emite fumes, non fai ruído e non mancha a calzada.
O alcalde, pola súa banda, avanzou que este mesmo ano o Concello adquirirá unha furgoneta para o servizo de Obras que tamén será eléctrica e que, a partir de agora, todos os vehículos do parque móbil que sexan substituídos pasarán a ser eléctricos.
Alfonso Rueda felicitou a este municipio pontevedrés por dar este "paso importante" e dar exemplo coa utilización de enerxías limpas. Engadiu que a propia Xunta de Galicia está a estudar incorporar coches eléctricos para a próxima renovación dos vehículos que forman parte da súa frota.
"Somos conscientes de que é moi difícil pedirlle aos demais que o fagan se non o facemos nós, así que desde a Xunta xa o estamos facendo e farémolo moito máis", sinalou o vicepresidente galego.