Catro persoas resultan feridas en dous accidentes matinais en Sanxenxo e Vilagarcía
Por Redacción
Dúas persoas sufrían feridas de carácter leve nun accidente que se rexistraba ao redor do mediodía deste martes en Os Caseiros, na parroquia de Noalla no municipio de Sanxenxo.
Ata lugar desprazábanse efectivos de GES para intervir no accidente que se rexistraba nunha recta entre dous turismos.
COLISIÓN MÚLTIPLE EN VILAGARCÍA
Dúas persoas resultaban feridas tamén nunha colisión múltiple na que se viron implicados tres turismos no municipio de Vilagarcía de Arousa, segundo informa o servizo do 112 Galicia. As dúas persoas foron trasladadas ao Hospital do Salnés.
O accidente producíase no punto quilómetrico 237 na N-640, ao redor das 10.00 horas.
Un particular avisaba ao 112 Galicia para informar do suceso. Desde o Centro de Emerxencias avisouse á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Servizo municipal de Protección Civil e aos Bombeiros do Salnés.