A Garda Civil intercepta en Baión un camioneiro que levaba o cinto de seguridade atado cun plástico
Por Redacción
A Garda Civil sancionou a pasada semana a un camioneiro que circulaba sen asegurar a carga e co cinto atado cunha bolsa de plástico e a un condutor que quintuplicó a taxa de alcol permitida despois de protagonizar unha saída de vía co turismo que conducía.
O domingo, axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil deron o alto a pasada fin de semana a un camioneiro que transportaba un tractor agrícola sen as medidas de seguridade pertinentes mentres circulaba pola VG-4 á altura de Baión.
Ao comprobar as circunstancias da carga, os gardas constataron que, ademais de non levala perfectamente estibada, excedía en máis do 60 % o peso máximo autorizado. Así mesmo, os axentes comprobaron que o camioneiro circulaba co cinto de seguridade suxeito á parte superior do asento por medio dunha bolsa de plástico.
O infractor, ao que lle puxeron unha sanción económica polas tres infraccións cometidas e retiráronlle tres puntos do carné de conducir, é un camioneiro de 57 anos natural de Ribadumia.
Lembran desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil que o cinto de seguridade é o medio de seguridade que máis vidas humanas salvou na estrada polo que a súa adecuada instalación, mantemento e uso é fundamental para a seguridade viaria.
Non foi a única actuación significativa da Garda Civil nas últimas xornadas. Os axentes investigan a un condutor de 32 anos, natural de Vilaboa, que quintuplicaba a taxa de alcol despois de sufrir un accidente.
O suceso produciuse sobre as 17.50 horas do pasado 13 de febreiro nunha estrada local de San Vicente de Cerponzóns cando o turismo que conducía saíase da vía. Cando chegou a patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra ao lugar do sinistro comprobaron a situación do vehículo e que o condutor e único ocupante atopábase fóra do turismo sen lesións aparentes.
Ao realizarlle a proba de alcoholemia púidose constar que daba resultado positivo quintuplicando a taxa permitida, polo que se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.