San Gregorio réndese ao furor do 'satisfyer'
Por Alejandro Espiño
O éxito do 'satisfyer' transcendeu fronteiras. Iso é innegable. Son poucas as persoas que, a estas alturas, non oíron falar deste xoguete sexual. De feito, foi un dos agasallos 'estrela' do pasado nadal ou, sen ir máis lonxe, mesmo do Día de San Valentín. Agora deu un paso máis e converteuse nun reclamo para unhas festas patronais.
A comisión de festas de Raxó, que buscaba un reclamo para recadar fondos para financiar os festexos que se celebrarán en marzo en honra de San Gregorio, decidiu sortear este ano un 'satisfyer'. E, como era previsible, o balbordo que se xerou foi enorme.
Así, por só un euro, os veciños e veciñas que participen no sorteo poderán conseguir un destes succionadores de clítoris que tan famosos se fixeron en todo o mundo.
"A verdade é que non esperabamos esta expectación", explica a PontevedraViva a presidenta da comisión, Rosana Ferreira. "Necesitabamos recadar diñeiro e como é o agasallo de moda pensamos que sería unha idea divertida", engade a responsable das festas.
A pesar das reticencias dalgúns membros da comisión, o sorteo "está a funcionar moi ben", segundo Ferreira, que matizou que "non se trata dunha rifa" senón que os participantes terán que escoller un número, apuntarse no cartel e esperar á noite do 14 de marzo, día da festa, para saber se levarán o 'satisfyer' ou un cordeiro.
Non é o primeiro sorteo que se celebra con motivo das festas de San Gregorio que, nos últimos anos, repartiron viaxes ás illas Cíes ou un vestido cedido por unha tenda de Pontevedra, pero este ano van camiño de bater todos os records.
Rosana Ferreira asegura que "temos que facer o mellor para o pobo" e iso pasa, indubidablemente, por recadar fondos porque as orquestras que adoitan traer a Raxó "custan o seu diñeiro". E coa habitual venda de camisetas ou sudaderas, recoñece, "non nos chega" así que "facemos o que faga falta porque é bo para todos".
Iso si, o que descoñece a comisión de festas é se o párroco de Raxó sabe xa que é o que se vai a sortear durante estas festas de San Gregorio. "Non sei sequera se saberá o que é", sinala entre risas a presidenta da comisión.
Máis aló da anécdota do sorteo, as festas de San Gregorio contan cunha ampla programación de actividades para a fin de semana do 14 e o 15 de marzo, como xa publicou este xornal hai unhas semanas.
Os festexos empezarán o sábado 14 cunha salva de bombas e pasarrúas pola parroquia a cargo de Vides Novas e a Escola Tradicional e, ás doce do mediodía, haberá unha misa solemne cantada por un coro e a procesión acompaña pola Banda de Gaitas e Tambores.
Unha verbena coas orquestras Trébol e Pontevedra, a partir das 21.00 horas, poñerá o broche de ouro á primeira xornada das festas, que terán continuidade o domingo día 15 cunha festa infantil que contará co animador Javi Solla como mestre de cerimonias.
Relacionadas:
-
Marbella e Rever amenizarán en marzo a festa de San Gregorio de Raxó
Por Redacción |
-
O coronavirus non pode co mediático sorteo dun Satisfyer en Raxó: farase este domingo por Facebook
Por Redacción |
-
O Raxó Club de Fútbol anuncia que xa non organizará as festas de San Gregorio e A Saleta
Por Oskar Viéitez |
-
A orquestra Trébol, principal atractivo das festas de San Gregorio de Raxó en marzo
Por Redacción |