Adeus ás fochancas no paseo das Palmeiras
Por Redacción
Unha actuación que se está a desenvolver estes días permitirá poñer fin ás incómodas fochancas que, ata o de agora, había nos camiños do parque das Palmeiras.
Os traballos, que se están executando no camiño que discorre entre a parte traseira do Pazo Provincial e o parque das Palmeiras, están a ser realizados con carácter urxente.
O pavimento, segundo recorda o departamento municipal de Parques e Xardíns, estaba en moi malas condicións polo castigo dos últimos temporais de choiva e vento.
A intervención, que ten un custo de 4.800 euros, consistirá na cobertura do firme con pavimento terrizo igual ao xa existente e con xabre compactado.
Tras estas obras de urxencia, o Concello traballará nun proxecto que incluirá a mellora do sistema de canalización de pluviais do parque co que, en principio, evitará que estes estragos se repitan de xeito tan habitual.