Carmen Uhía e Ana Fernández, ambas peixeiras, elixidas "Raias de Ouro"
Por Redacción
Na reunión que se celebrou este luns as asociacións de Portonovo e o goberno local acordaron conceder dous "Raias de Ouro" ás pescantinas Carmen Uhía e Ana Fernández.
Ana e Carmen foron emprendedoras, mulleres coa determinación e a necesidade de sacar adiante ás súas familias en tempos moi difíciles, cando todos os anos había crises.
A 25 edición da Festa da Raia celebrarase os días 24, 25 e 26 de abril unha data que xa foi acordada coas asociacións na anterior reunión. A intención é consolidar o evento gastronómico sempre na última fin de semana de abril, a non ser que nalgún ano a semana santa caia demasiado preto.
Unha vez elixidas as Raias de Ouro o alcalde e a concelleira de cultura e educación aproveitaron a reunión para informar dalgunhas ideas e novidades previstas na edición deste ano, como ampliar os días da festa, neste sentido a concellería traballa para que haxa actividades xa desde o venres.
Tamén se pretende aumentar os espazos, coa programación das actividades non só na lonxa e a súa contorna tamén noutras zonas de Portonovo. E estanse deseñando actividades para todos os públicos, programando iniciativas para nenos e mozos que ata o de agora non participaban demasiado na festa.