Operativo especial en Lourido para a celebración do II Duatlón Concello de Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, desenvolverá un dispositivo especial de seguridade durante a celebración da segunda edición do Duatlón Concello de Poio, unha proba con puntuación para o Campionato de España.
Trátase dunha cita que terá lugar o vindeiro domingo, 23 de febreiro, á partires das 10.00 horas en Lourido, na que tomarán parte máis de 200 deportistas, repartidos nas categorías feminina e masculina, así como na popular. Esta última, precisamente, será a que inaugure a competición. Ás 11.30 horas sairán as deportistas femininas, mentres que ás 13.00 horas darase a saída á carreira masculina.
O dispositivo comezará a aplicarse o sábado. Será entón cando comecen as restricións para estacionar no aparcamento de Lourido, a partir das 15.00 horas, para facilitar a montaxe da carpa da organización, onde se recollerán os dorsais entre as 8.45 e as 12.00 horas.
Con respecto ao domingo, non se poderá circular entre o peirao de Campelo, a Avenida da Praia, Peirao Besada e parte de Anafáns ata entre as 8.30 e as 14.30 horas, aproximadamente.
En todo caso, o xefe da Policía Local, Antonio Duarte, puntualizou que "permitiranse saídas puntuais de veciños entre proba e proba, sempre na medida do posible". O corpo de seguridade xa comezou a instalar sinalizacións informativas na zona, ademais de poñerse en contacto con residentes e comerciantes para darlles conta dos detalles do dispositivo.
A organización deste II Duatlón Concello de Poio corre a cargo do Club Triatlón Motobike Poio Galaico e a propia Administración local, cun orzamento que ronda os 8.000 euros.
O prazo de inscricións rematou este martes e a Concellería de Deportes salienta que os máis de 200 atletas anotados supón un importante aumento con respecto á convocatoria da pasada edición. As tres probas constarán dun sector inicial a pé de cinco quilómetros, un en bicicleta de 21,4 e un terceiro, de novo a pé, de 2.500 metros de extensión.
A saída quedará fixada no aparcamento próximo ao areal de Lourido, partindo cara a rúa Padre Avelino, facendo o retorno a través do peirao de Campelo. Tras realizar a transición, os deportistas percorrerán o tramo en bicicleta en dirección a Anafáns, ata o cruce co Camiño das Coruxas, onde darán volta e retornarán pola mesma estrada, ata xirar á dereita pola rúa Espiñeiros. Haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina (150, 100 e 75 euros, respectivamente).
Ademais, repartiranse agasallos entre os deportistas que finalicen a proba.
A Concellería de Deportes agradece a colaboración do Motoclub Rosa dos Ventos no desenvolvemento da proba (nas súas motocicletas irán os xuíces de carreira) e de Froiz, que cederá de xeito desinteresado o uso do seu aparcamento. O Concello confía en que a proba resulte todo un éxito e sirva como precedente a ter en conta á hora de acoller o Campionato de España de Duatlón en 2021, algo que a Administración municipal solicitará á Federación.