A CIG marcha a pé entre Trevès e Aludec en demanda de medidas que garantan o futuro da automoción

Por Redacción

© CIG

© CIG

© CIG
Arredor de 200 delegados sindicais da CIG participaron este martes nunha marcha a pé entre a empresa Trevès no polígono do Campiño e nave de Aludec no polígono da Reigosa, en demanda de medidas que garantan o futuro da automoción e freen a crecente precarización laboral.
"Sen industria non hai futuro", "Traballo digno na automoción", "Non á deslocalización", "Fóra as ETT da automoción" ou "Non á precarización", foron algunhas das consignas que máis se repetiron nesta manifestación que forma parte da campaña que desenvolve a federación de Industria en defensa do sector.
A marcha coincidiu coa saída da quenda de mañá na primeira compañía e coa entrada da de tarde na segunda.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, alertou ao remate da mobilización do perigo ao que se expón a automoción galega ante os retos que ten por diante, como a Lei de Transición Ecolóxica que penalizará a fabricación de vehículos diésel, ou a aplicación de novas tecnoloxías nos procesos de produción. Denunciou que tanto as empresas como a Xunta "non están a facer nada para que o sector poida afrontar con garantías estes cambios tan importantes".
Ao mesmo tempo, sinalou que a CIG continuará a mobilizarse para demandar unha política industrial de país que teña en conta un sector fundamental como o do automóbil e criticou o crecente proceso de precarización que padecen os milleiros de traballadores da automoción como consecuencia da proliferación de ETT, empresas multiservizos e centros especiais de emprego.
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Trevès, David Couñago, citou as principais propostas da central para o sector, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Ceaga, as centrais sindicais e as tres universidades; o impulso dun plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i; a especialización na produción de vehículos de alto valor engadido; e a optimización de procesos produtivos.
Tamén demandou un compromiso de todo o sector para non afondar na precariedade laboral, comprometéndose a non abusar da contratación por ETT, multiservizos ou CCE, así como aplicar o convenio sectorial ou da empresa principal a todo o persoal. Por último, demandou medidas encamiñadas ao rexuvenecemento dos cadros de persoal e ampliar a formación dos novos traballadores, así como á posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega que reduza o gasto enerxético e que permita aumentar a competitividade das empresas.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras gaña as eleccións sindicais no grupo Aludec
Por Redacción |
-
Trèves propón reducir un 30% de empregos fixos na negociación do novo convenio
Por Anxo Lourido |
-
A CIG mobilizarase polas rúas de Pontevedra en defensa do emprego na automoción
Por Redacción |
-
Preocupación sindical ante o futuro de Trèves e Aludec se PSA non aposta por novos modelos de vehículos
Por Redacción |
-
A CIG leva á rúa a loita pola defensa do emprego en Galicia e reclama a derrogación da reforma laboral
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Treves Pontevedra garante a permanencia dos 150 empregos na fábrica do Campiño ata 2023
Por Redacción |