Convocan o proceso para renovar a identidade gráfica do Museo de Pontevedra
Por Redacción
Dez días. É a marxe que terán de prazo os artistas que participen no proceso que vén de convocar oficialmente a Deputación de Pontevedra para renovar a identidade gráfica que acompañará a nova etapa do Museo de Pontevedra.
Calquera persoa física ou xurídica interesada debe presentar un portfolio dos seus traballos que poidan ter relación coa creación da imaxe corporativa institucional que se busca.
O Consello Asesor do Museo encargarase de revisar estes traballos para elixir as catro mellores opcións, convidar ás persoas autoras a desenvolver cadansúa proposta de identidade visual para o Museo e, finalmente, decidir a adxudicataria.
O proceso anunciarase en redes sociais e foi remitido xa directamente a asociacións, universidades e centros de estudos relacionadas coa creación, o deseño gráfico, marketing e publicidade para convidalas a participar e presentar as súas candidaturas por rexistro.
As propostas deberán ter en conta a vontade de reposicionar o Museo de Pontevedra como museo de referencia de Galicia ou a necesidade de adaptar a imaxe aos códigos gráficos actuais para reflectir tamén o proceso de paulatina renovación do museo como organización.
Ademais, terá que respectar a idoneidade, a un tempo, de manter a historia e a personalidade propias da institución coa súa singularidade, liderado e excelencia; e a aposta por un deseño simple, atemporal, sobrio e elegante para que perdure no tempo afastándose de tendencias, aplicable a todos os soportes, e que transmita con claridade a beleza das coleccións.
O importe do contrato ascenderá a 12.000 euros (sen IVE) e, en concepto de compensación polos gastos ao resto de propostas invitadas que non resulten adxudicatarias, entregarase a cantidade de 1.000 euros.
A actual imaxe do Museo é un imagotipo no que se representa o cruceiro da Praza da Leña proxectado sobre os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, que se acompañan co texto Museo de Pontevedra.
Trátase dun elemento derivado da creación do arquitecto Alejandro de la Sota en 1942, un 'ex libris' empregado para ilustrar a primeira publicación da revista do Museo no que se plasmou o primeiro edificio, o Castro Monteagudo.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou que a intención deste proceso é que o Museo teña unha imaxe "actual, de futuro, fresca e que responda á súa traxectoria", de xeito que se adecúe a súa "tarxeta de presentación" e a represente ante a sociedade.
Relacionadas:
-
A nova identidade corporativa do Museo está nas mans de catro candidaturas galegas
Por Redacción |
-
O Museo recibe 40 candidaturas para deseñar a súa nova identidade visual
Por Redacción |
-
Satisfacción no Museo polo interese que esperta o proceso para renovar a súa imaxe gráfica
Por Redacción |
-
O Museo busca nova imaxe e quere fomentar ligazóns co Camiño Portugués
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Sete especialistas para un Consello Asesor que afaste ao Museo Provincial dunha dirección "excesivamente personalista"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |