"Se o chego a saber teríame quedado máis en Pontevedra"
Por Oskar Viéitez
Este mércores celebrouse a primeira das dúas xornadas organizadas polo Concello para que o persoal que traballa nos hoteis da cidade adquira formación específica sobre os atractivos turísticos cos que conta o municipio.
A actividade conta coa participación de 35 profesionais, na súa meirande parte persoal de recepción e tamén camareiros, aos que se lles facilitarán coñecementos e ferramentas para que poidan ofrecer consellos útiles e recomendacións aos visitantes.
A guía e técnica municipal Raquel Abollo é a encargada de impartir esta formación e de dirixir os itinerarios, que, á marxe de mencionar lugares emblemáticos, como a basílica de Santa María, A Ferrería, As Ruínas de Santo Domingo ou a igrexa da Peregrina, "buscan resaltar o feito de que a nosa cidade ten moitas outras cousas que ofrecer, como uns fantásticos roteiros de sendeirismo aos que se pode chegar sen necesidade de coller o coche".
"Acontece con bastante frecuencia que, tras pasar pola cidade e coñecer a súa enorme oferta, os visitantes dinnos aquelo de: ‘Se o chego a saber teríame quedado máis en Pontevedra’", apunta Abollo.