Apegados á lingua galega tamén na primavera
Por Redacción
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova quenda de actividades dentro do programa Apego, que busca promover a transmisión interxeracional da lingua galega e facilitar a socialización en galego nos primeiros anos de vida
O programa esténdese ao longo de varios meses porque ten en conta outras citas para as familias como o Salón do Libro, o Congreso de Mediación Lectora ou o Galegote Rock.
Esta nova quenda de actividades comeza este sábado 22 de febreiro cun obradoiro de recursos educativos dirixido a profesionais en activo que traballan na educación infantil, tanto na etapa de 0 a 3 anos como na de 3 a 6. Será entre as 10.00 e as 14.00 horas na Casa Azul e estará impartido por Fabaloba.
Esta actividade formativa ten como obxectivo dar a coñecer materiais e recursos en galego de utilidade para o día a día nas aulas. Intercalará actividades de sensibilización (audiovisuais, debates e outras dinámicas para a reflexión) coa presentación de materiais educativos.
A segunda actividade programada será o mércores 25 de marzo, de 17.30 a 19 horas na Casa Azul. Trátase dun faladoiro para nais e pais de nenos de 0 a 6 anos baixo o título 'Como apoiar o comezo da vida', impartido por Sonia Villanueva.
Este relatorio está dirixido a nais e pais co fin de orientar sobre a importancia do movemento libre e do xogo no desenvolvemento das crianzas durante os primeiros anos, a través da ollada da pedagoxía Pikler.
O xoves 2 de abril, de 18 a 18.45 horas estaá programado na Casa Azul 'Fíos do Querer', con Cé Orquestra Pantasma. Trátase dun obradoiro musical para familias con nenas e nenos de 0 a 5 anos para cantar, bailar e xogar en familia.
O sábado 18 de abril na Casa Azul está programado 'Arrolos de Salitre', con Faia Díaz e Guillerme Fernández, dous obradoiros para familias con nenas de 0 a 2 anos no que se aprenderán as melodías tradicionais coas que arrolar aos bebés, transmitíndolles apego, lingua e música.
O obradoiro está basseado no CD Arrolos de Salitre (Músicas de Salitre, 2010), de Xabier Díaz e Guillerme Fernández e terá dúas sesións, de 11.00 a 12.00 e de 12.30 a 13.30 horas.
O venres 24 de abril, de 17 A 19.30 horas nos xardíns do Doutor Marescot está programado 'Vai de xogos', con Risotadas, un obradoiro para familias con nenos de 0 a 6 anos que propón recuperar a rúa como espazo de socialización e valorar os xogos como ferramenta de aprendizaxe e comunicación.
O domingo 31 de maio, de 11.00 a 12.30 horas, será a quenda de 'Aprendendo a falar cos paxariños', con Manuel Domínguez, de Ventos Estudos Ambientais. Será unha saída á natureza para familias con nenos de 0 a 6 anos pola Illa do Covo para observar as aves, a flora e os elementos artísticos.
A última actividade será o domingo 21 de xuño, de 10 a 12 horas. Trátase de 'Na procura das herbas de san Xoán', con Amancio Castro, unha andaina para familias con nenos de 0 a 6 anos pola contorna do río Gafos para coñecer e identificar as especies naturais e atopar as herbas de san Xoán.
Todas as actividades son de balde e con prazas limitadas, de maneira que, para participar, é necesario inscribirse nos formularios dispoñibles en apuntate.pontevedra.gal.
Apego está dirixido a familias con fillos ata 6 anos ou que están agardando un novo membro e a profesionais. Para formar parte do programa Apego hai que solicitar unha cita no enderezo web www.apego.gal.
Relacionadas:
-
As 342 familias inscritas no programa Apego xa poden solicitar actividades
Por Redacción |
-
O programa Apego retoma actividades adiadas pola pandemia e aposta por actos ao aire libre
Por Redacción |
-
300 familias pontevedresas sumáronse xa ao programa Apego
Por Diego Espiño |
-
Con decembro volven os obradoiros de Apego para axudar á comunicación en lingua galega entre familias
Por Redacción |
-
'Apego', 'A Galipedia' e dous profesores, gañadores dos premios Xoan Manuel Pintos
Por David Arana |
-
Xornada de 'Apego' en familia na Illa das Esculturas
Por Redacción |