Goberno e oposición enceréllanse por un recoñecemento extraxudicial de crédito no Concello de Marín
Por Redacción
O goberno local de Marín aprobou esta semana en pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito que motivou a protesta da oposición. O BNG denuncia a actuación irregular do executivo popular ao recoñecer 417.000 de gastos correspondentes a 275 facturas. Denuncian os nacionalistas que na comisión previa, o concelleiro de Facenda non lles entregou a documentación pertinente e que lla fixo chegar dous días despois sen marxe para estudala.
Aínda así, a portavoz Lucía Santos mostrou o seu malestar pola inclusión neste recoñecemento de pagos dunha factura do 2018, oito do 2017 e tres do 2016, entre as que se sitúa a construción do ascensor externo do Museo Manuel Torres por 25.000 euros segundo os nacionalistas.
Sobre este asunto, o responsable de Facenda, Manuel Santos Costa, aclarou que o expediente foi entregado á oposición o mesmo día en que foi emitido. Doutra banda, as facturas que corresponden a anos anteriores son dun mesmo provedor e ao ser presentadas no 2018, non se conformaron ata e 2019, razón pola que non se pagaron antes, puntualiza.
En referencia á factura do ascensor do museo, asegura Santos Costa que a factura é de 1.900 euros e correspóndese a un traballo complementario á construción do ascensor, "contratación que correctamente licitada e adxudicada, mesmo cunha subvención", matiza.
Conclúe o edil que as facturas se corresponden con servizos e subministracións realmente executadas e debidamente conformados polos técnicos e responsables das distintas áreas. "Do que se trata é de que todas as facturas poidan pagarse os antes posible porque hai que cumprir cos compromisos que se adquiren", remata Manuel Santos.