A música, a gastronomía, a danza, a poesía... as artes tamén teñen o seu compoñente arquitectónica e así é Mauro Lomba Martínez. Un arquitecto con múltiples sensibilidades artísticas. Un arquitecto que reivindica os cinco sentidos. Guardés de orixe, fillo de Angélica e Mauro, cos que lle desborda a emoción ao falar. Terceiro dos seus sete fillos, os Raigallos do Tegra.
Home moldeado polos seus pais na cultura do respecto á diferenza, a igualdade entre sexos e o esforzo. Culturas que segue practicando hoxe e que demostrou fai catro anos no Congreso Mundial da Pedra en China cando se propuxo que sería capaz de ofrecer unha conferencia en inglés ante un auditorio de arquitectos internacionais. Un reto que preparou de forma concienzuda, como conta na Playlist.
Sen ser consciente diso, a súa vocación profesional chamaba na porta da súa infancia. O seu primeiro deseño foi coa caixa dunha lavadora colocada nunha carretilla, a modo de caravana. Tamén cos ladrillos sobrantes da vivenda familiar facía xunto aos seus irmáns distribucións de espazos, múltiples casas para o gato e cando estaba interno en Marín, no San Narciso, cabanas nas árbores.
O nome de Mauro vai ligado a Lomba, pero desde que estudaba o COU tamén a Mari Carmen Martínez, a investigadora e directora do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia. Son un tándem, ou mellor, un sidecar. En ocasións ela condúcelle polas súas disciplinas científicas; e noutras é el quen a leva polo seu cosmos arquitectónico. Lado a lado construíron unha familia que completan os seus fillos Miguel e Pablo.
O Espacio Nemonon, é a materialización da súa filosofía profesional: "estar atento co que ocorre no resto da sociedade e das persoas". Non se considera un mecenas do século XXI a pesar de abrir a súa casa profesional a artistas de todo tipo de disciplinas para compartir publicamente as súas sensibiidades. Tal e como fixo en PontevedraViva Radio o propio Lomba; desculpas por facerlle emocionar con tanto exceso.