Cambados, Campo Lameiro, A Lama e Meis, reciben axudas da Deputación para contratar traballadores
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres a quinta relación da Liña 3 do Plan Concellos 2020.
En concreto esta nova concesión de subvencións estará dotada de 1.349.376 euros para que nove concellos, entre os que se atopan Cambados, Campo Lameiro, A Lama e Meis, poidan contratar a un total de 133 traballadores municipais.
Máis polo miúdo, Cambados recibirá 213.125 euros para contratar a 21 persoas traballadoras. Pola súa banda, Campo Lameiro terá a súa disposición 83.371 euros para contratar a 12 persoas. En canto á Lama, a Deputación achega 91.345 euros para 13 persoas e para Meis 108.905 euros para contratar a 9.
A selección deste persoal faise a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020.