Sanxenxo empeza a enterrar os contedores do porto, medida que evitará os malos cheiros
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo xa puxo en marcha os traballos previos para a instalación dos novos contedores no porto deportivo Juan Carlos I. A partir de agora irán enterrados, de modo que evitarán os malos cheiros e as frecuentes avarías.
A nova localización acordouse coa Confraría de Pescadores e Portos de Galicia e supoñerá substituír os antigos utilizados polos locais de hostalería da zona.
Os novos contedores son semisoterrados e, a diferenza dos actuais, descárganse simplemente levantándoos cun guindastre, de modo que non levan mecanismos que poidan fallar.
Os novos contedores teñen unha altura de 2,40 metros e entérranse 1,50, de maneira que sobresaen ao exterior 0,90 metros e dispoñen dunha capacidade moi superior aos que hai no resto do concello, que vai dos 5 aos 3 metros cúbicos.
A nova localización, próxima ao guindastre de subida de barcos, facilita o acceso do camión que recollerá diariamente os residuos. En total, instalaranse nove: un marrón (restos orgánicos), tres grises ( RSU), un amarelo (envases), un azul (papel e cartón) e tres verdes (vidro).
O orzamento desta actuación ascende a 17.787 euros e este xoves o alcalde, Telmo Martín, xa visitou o inicio dos traballos de preparación da zona.