Preocupación ante a falta de noticias do alpinista Abel Alonso tras facer cume nun 'oito mil'
Por Oskar Viéitez
Xa pasaron máis de 72 horas dende o último contacto co alpinista pontevedrés Abel Alonso e aínda non hai noticias súas nin dos seus compañeiros Xevi Gómez e Álvaro Paredes. A última comunicación co campamento base mantívose o sábado ao lograr facer cumio no Gasherbrum I (Pakistán), a undécima montaña máis alta do mundo.
O propio Abel informaba que os outros dous compoñentes da expedición, Alfredo García e David López, renunciaran a facer cume a escasos 100 metros do cumio "debido ao esgotamento e as malas condicións climatolóxicas".
O resto da expedición confía en que os tres montañeiros se encontren refuxiados esperando a que mellore a climatoloxía.
Estes alpinistas: David López, David Polo, Arkaitz Mendia, Alex Galiano e Mariano Galván esperan esta mesma circunstancia para iniciar unha ascensión de rescate, para recoller o resto do grupo e ao Alfredo García, que tamén se atopa atrapado pola tormenta.
Así mesmo dous helicópteros teñen autorización para voar en canto chegue unha ventá de bo tempo.
O rescate está a ser coordinado dende o campo base por Akbar Syed, director da axencia Laila Peak Expedition.
Oscar Cadiach e Patxi Goñi informan dende o campo base do Gasherbrum 1 que a situación dos españois que descenden é "moi complicada".
Oscar Cadiach relata que "despois de tres días de angustia, sufrimos polos nosos compañeiros que decidiron continuar cara ao cume desta montaña. Tan só un deles regresou á base e, falando con el, apreciamos a súa angustia e desespero ao non saber o paradoiro dos seus amigos".