Carmela Silva asegura que a Xunta non investiu nada na provincia de Pontevedra en catro anos
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou estar "moi molesta" co Partido Popular e singularmente co seu presidente provincial e vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves, Carmela Silva reprochou que nas visitas que o vicepresidente do goberno galego está a realizar estes días a diferentes concellos non conte o que a Xunta inviste en cada territorio "porque non pode" xa que "non ten nada que contar" porque "non investiron nada na provincia de Pontevedra en catro anos", ao contrario do que lle fixo a Deputación, segundo sinalou.
Carmela Silva criticou que a mensaxe que Alfonso Rueda deixa en cada concello que visita sexa "o diñeiro que lles debe o Goberno de España, falando do IVE".
Segundo a mandataria socialista "o que nunca di o señor Rueda" é que esta circunstancia de que Galicia teña menos recursos "débese exclusivamente a unha decisión do seu querido amigo Montoro", en referencia ao "cambio de lexislación" impulsado polo entón ministro de Facenda.
Silva destacou que no 2017 cando se adoptou ese cambio lexislativo no Partido Popular "xa se sabía que ía ocorrer isto" pero actuaron todos como "a procesión dos Caladiños" e preguntou se alguén escoitou protestar entón ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ou ao propio Alfonso Rueda.
A presidenta da Deputación lembrou que para modificar unha lei "hai que aprobar outra" e dixo Alfonso Rueda "mente" cando di que os concellos perderon diñeiro "porque todas as comunidades autónomas, para poder cubrir os servizos en políticas sociais e saúde, endebedáronse" porque "contaban con ese diñeiro que lles roubou Montoro".
"Os investimentos fixéronse" á conta do endebedamento, insistiu Carmela Silva.