Ana Pontón asegura que Pontevedra será o "espello" ao que mirará o BNG se goberna en Galicia
Coas expectativas ao grande e coa filosofía de "non marcarnos límites". Así está a preparar o BNG as eleccións galegas do próximo 5 de abril. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, recentemente incorporada á vida pública tras a súa maternidade, teno claro. "O mellor que lle pode pasar a Galicia", asegura, é que o BNG "lidere o cambio" que reclaman os galegos.
Os nacionalistas, segundo sinalou Pontón nun almorzo informativo celebrado en Pontevedra, serán a "garantía" para que Galicia "non quede atrás" e, a este respecto, no modelo de goberno polo que apostará o BNG se accede ao goberno da Xunta, terá moito protagonismo a cidade de Pontevedra.
Para a dirixente do BNG "o que levamos feito" en Pontevedra nas dúas últimas décadas é o "exemplo" da política "transformadora" pola que aposta a formación nacionalista, polo que non dubidou en sinalar que será o "espello" no que se mirarán para "facer avanzar" a Galicia. "Temos ideas, capacidade e un proxecto ambicioso para cambiar o país", dixo.
Pontón, que estivo acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; e o deputado autonómico Luís Bará, engadiu ademais que, "se temos a oportunidade" de gobernar en Galicia "imos a resituar a Pontevedra no mapa" e poñer en marcha proxectos que están "pendentes".
Entre eles, citou expresamente a necesidade de abrir novas escolas infantís ou os "grandes retos" que supoñen a dragaxe do Lérez, a construción de novas infraestruturas, a rexeneración integral da ría ou a saída de ENCE de Lourizán.
O goberno de Núñez Feijóo foi, segundo Pontón, "once anos de oportunidades perdidas" para Pontevedra, xa que considera que a Xunta "non estivo á altura" con esta cidade.
Nesta cita cos xornalistas pontevedreses, a portavoz nacional do BNG aproveitou para reclamar un novo concerto económico para Galicia que permita que esta comunidade teña "capacidade para recadar" os impostos estatais e, posteriormente, "fagamos contas con Madrid para ver canto lle temos que pagar polos servizos que presta".
A esta reivindicación, Ana Pontón engadiu a necesidade de que Galicia, do mesmo xeito que está a lograr outras comunidades como Euskadi, teña un maior autogoberno.
Pontón asegurou que resulta "insultante" que durante os seus dez anos de goberno o executivo do PP con Alberto Núñez Feijóo á fronte non incorporase "nin unha soa" competencia nova, algo que ao seu xuízo é un "triste récord".
"Outros territorios avanzan e nós quedamos varados", lamentou a portavoz do BNG, que acusou a Núñez Feijóo de ser un presidente "sumiso" a Mariano Rajoy e Pablo Casado e de actuar como "cómplice" nos recortes e a "recentralización" dos gobernos do PP, do "espolio" das caixas galegas ou de poñer á sanidade "contra as cordas".
O alcalde, pola súa banda, explicou que "sería el no va más" que houbese unha presidenta do BNG en Galicia e encomiou a traxectoria de Ana Pontón, da que destacou especialmente "a súa capacidade de traballo, o seu amor a Galicia e as ideas que ten para poñer a Galicia no mapa". Fronte a ela, engadiu, hai unha "inoperancia absoluta".
Néstor Rego, recentemente aterrado de Madrid, destacou que Pontevedra é un "referente" en todo o mundo pola súa "transformación radical" e suxeriu ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, responsable tamén da axenda urbana, "que se poña en contacto co alcalde para aprender como se fan as cousas para lograr cidades máis humanas".
A maiores, o deputado do BNG no Congreso mostrou o seu "compromiso" para trasladar a Madrid "todos os temas que interesan a Pontevedra", entre os que mencionou a A-57, as peaxes da AP-9, o futuro do antigo edificio de Facenda, o nó de Bombeiros, a rexeneración da ría ou unha posible colaboración para manter o Museo de Pontevedra.
Por último, Luís Bará celebrou que o BNG estea "en estado de graza", algo que achacou ao "traballo serio, rigor e constancia" realizado polo partido nos últimos anos e mostrouse convencido de que tras o 5 de abril abrirase en Galicia "un tempo novo". Por agora, iso si, non confirmou se volverá encabezar a candidatura por Pontevedra.
Relacionadas:
-
E Alberto volveu a gañar... a pesar do 'efecto Pontón'
Por Alejandro Espiño |
-
Un goberno do BNG será, segundo Pontón, o "máis fiel aliado" de Pontevedra para sacar a ENCE da ría
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Alexandra Fernández 'ficha' polo BNG e integrarase na súa candidatura por Pontevedra
Por Redacción |
-
Luís Bará repetirá como número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Feijóo asegura en Pontevedra que "en motivación e gañas son o candidato máis mozo"
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo insta os populares pontevedreses a facer unha campaña "que non moleste á xente"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |