Detido o estafador de coches de luxo do Salnés por apropiación ilegal de dous vehículos
Por Redacción
A Garda Civil detivo unha vez máis ao coñecido como ' simpa' de Sanxenxo ou estafador de coches de luxo, un veciño de Cambados que o pasado mes de xaneiro foi detido cando estaba a ser buscado por varios delitos de estafa, furto e subtracción de vehículo, e finalmente acabou arrestado por atentado a axente da autoridade e delito contra a seguridade do tráfico tras unha persecución polo centro de Sanxenxo.
Esta nova detención é porque presuntamente apropiouse ilegalmente de dous vehículos enganando aos seus propietarios. En ambos os casos, o seu modus operandi foi o mesmo: contactou con persoas que vendían os seus coches a través de internet, asinou un contrato con datos falsos e quedou cos coches tras enganalos facéndolles pensar que xa lles pagara o vehículo a través dunha falsa aplicación do seu teléfono móbil.
Por mor das pescudas realizadas polo Equipo de Investigación da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en colaboración con efectivos do posto de Cambados, atribúeselle a subtracción dun BMW 325 a un veciño de Moaña e un Volkswagen Touareg propiedade dunha empresa con domicilio social no Porriño.
No momento da detención o home, que conta cun amplo historial por estafas similares, conducía o mesmo BMW 325, que xa se lle entregou ao seu propietario e está pendente a localización Volkswagen Touareg.
En canto ao seu modus operandi, cabe explicar que despois de localizar na internet o anuncio dos vehículos que se poñen á venda, contacta cos seus propietarios a través de mensaxería instantánea facéndose pasar polo representante dun concesionario de compravenda de vehículos de segunda man. Acode ás citas que concerta cos propietarios vestido de forma elegante para causar boa impresión e xerar confianza e normalmente nunca regatea o prezo de venda.
O seguinte paso é documentar a compra cun contrato que asina con identidades falsas ou usurpando as identidades de terceiras persoas e finalmente utiliza unha aplicación instalada no seu teléfono móbil para simular unha transferencia bancaria irreal e convénceo para que lle deixe levar o vehículo, informándolle de que o cargo tardará varios días en facerse efectivo debido á demora de tramitación que existe entre as entidades bancarias.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Garda de Vilagarcía de Arousa, onde deberá comparecer o detido, que quedou en liberdade, pendente de ser citado como presunto autor de senllos delitos de estafa.
As investigacións continúan abertas e non se descarta que poida estar relacionado con outras estafas de similares características.
Relacionadas:
-
A Garda Civil localiza en Madrid ao presunto autor dunha estafa online a un veciño de Cambados
Por Redacción |
-
Estafan un veciño de Meaño na compra por internet dunha motocicleta de segunda man
Por Redacción |
-
En liberdade o estafador de vehículos de luxo que fuxiu nun Aston Martin por Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
Deteñen o estafador de coches de luxo de Sanxenxo tras unha espectacular fuxida nun Aston Martin
Por Natalia Puga |