Miguel Vilacoba, absolto: quedou con 1.075 euros da comunidade de montes de Lérez "por erro"
Por Natalia Puga
O ex presidente da comunidade de montes de Lérez, Miguel Vilacoba García, quedou finalmente absolto e libre de toda culpabilidade polo delito de apropiación indebida polo que foi xulgado e condenado en primeira instancia polo Xulgado de Penal número 2 de Pontevedra por presuntamente quedarse con 1.075, 89 euros da comunidade. O xuíz impuxéralle nove meses de prisión, pero a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu absolvelo.
A sentenza, á que tivo acceso PontevedraViva, estima o recurso de apelación interposto pola defensa de Vilacoba, revoga a sentenza previa e absolve o acusado do delito de apropiación indebida polo que foi condenado. O fallo, ademais, xa é firme e non cabe recurso.
O propio Vilacoba asumiu durante o xuízo celebrado en abril do ano pasado no Penal 2 de Pontevedra que eses 1.075,89 euros foron a parar á súa conta e non o devolveu ata tres anos despois, pero aclarou que todo foi froito de "un erro", pois "non era consciente de que ese diñeiro estaba na miña conta". Aínda que en primeira instancia o xuíz si optou por condenalo os tres maxistrados da Audiencia si deron por válida a súa defensa.
"Debemos partir de que é posible a existencia do erro, isto é, a ignorancia ou esquecemento da existencia do ingreso", conclúe o tribunal provincial, que engade que "non existe ningún dato" nin nos autos presentes nesta causa xudicial nin na sentenza recorrida "para excluír tal erro". Dando por certo este argumento, conclúe que "non está acreditada a existencia do dolo" e, en consecuencia, absólvelo.
Vilacoba chegou a xuízo por mor da denuncia presentada pola nova directiva dos comuneiros. Aínda que todo ocorreu en 2014, os feitos non saíron á luz ata 2017, cando, tras o cambio de directiva, realizouse unha revisión das contas e os novos xestores descubriron que a comunidade non chegara a recibir ese ingreso, que fora a parar ao ex presidente.
A primeira sentenza condenatoria e esta absolutoria consideran como probados os mesmos feitos, pero fan unha interpretación diferente dos mesmos. Así, consideran que entre o 23 e o 24 de marzo de 2014 tivo lugar un roubo na Casa da Cultura propiedade da Comunidade de Montes en Man Común de Lérez, na que se ocasionaron danos no establecemento e subtraéronse diversos obxectos e que Vilacoba, como presidente presentou denuncia e deu parte do sinistro á compañía aseguradora.
Nese momento, proporcionou á aseguradora, para o pago da indemnización correspondente, o seu número de conta e non o da comunidade. Desta forma, eses 1.075,89 euros de indemnización polo sinistro acabaron na súa conta e non os devolveu ata tres meses despois de abandonar a presidencia.
Atendendo ao recurso presentado pola defensa de Vilacoba, a Audiencia dá credibilidade a dúas testemuñas que acreditan que non foi a iniciativa do acusado o feito de que o ingreso se producise nunha conta da súa propiedade e que, cando se lle puxo de manifesto o problema, non o negou, senón que confirmou que tiña o diñeiro e, inmediatamente, restituíuno.
Ademais, ten en consideración que na súa conta había fondos elevados e, por tanto, "é posible que un ingreso de pouco máis de 1.000 euros lle pasase desapercibido". Desta forma, admiten "como posible que se producise un esquecemento relativo ao ingreso".