Quen se está a levar os cartos das traballadoras da cociña do Hospital Provincial?
Por Oskar Viéitez
As traballadoras da cociña do Hospital Provincial volveron concentrarse este mércores ás portas deste centro sanitario para denunciar diversos incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa concesionaria do servizo, Mediterránea de Cátering. En concreto a empresa eliminou e reduciu as pagas extra de decembro e xullo.
En calquera outro contexto podería xustificarse tal medida amparándose na crise pero neste caso Mediterránea de Cátering é a concesionaria dun servizo público e non se modificaron as condicións do contrato que ten co Sergas.
O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, é claro ao sinalar que a empresa "se está a apropiar de xeito indebido do diñeiro presupostado para salarios".
A única circunstancia que cambiou en todo este tempo é o acordo alcanzado o pasado mes de abril por Arturo Fernández coa empresa Mediterránea de Catering, participada polo fondo de capital risco Portobello, para integrar nesta a súa filial Arturo Colectividades.
A nova empresa, que tomará a actividade que na actualidade ten Arturo en empresas, hospitais, colexios e outros centros da Administración, chamarase Mediterránea Arturo, e o empresario, actual presidente da patronal madrileña, ocupará a presidencia.
Dende Comisións Obreiras trasladaron a denuncia polos incumprimentos ao Xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González, quen certificou que o Sergas lle ingresou á firma as contías correspondentes ás pagas extras, dereito que está protexido polos convenios colectivos propios.
Relacionadas:
-
Nova protesta gastronómica das traballadoras de cociña dos hospitais de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
As traballadoras de cociña do Hospital provincial plantan á empresa por "tomarnos el pelo"
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores da cociña do Hospital Provincial denuncian a aplicación de recortes nos seus salarios
Por Anxo Lourido |