O Concello de Poio dotará a Lourido e A Seca de dous grandes parques infantís
Por Redacción
O Concello de Poio acaba de encargar a elaboración dun anteproxecto para dotar a Lourido, na parroquia de San Salvador, e A Seca, pertencente a San Xoán, de dous parques infantís de grandes dimensións.
Con esta medida actívase os trámites administrativos e burocráticos para facer realidade unha das actuacións comprometidas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), PSdeG-PSOE e Avante Poio á hora de asinar o pacto de Goberno vixente.
O tripartito entende que é preciso dotar ao municipio de dous novos espazos de lecer cunha capacidade superior aos que xa existen actualmente nos diferentes núcleos das cinco parroquias do concello.
Despois de analizar varias opcións, os dirixentes entenden que tanto Lourido como A Seca reúnen as condicións ideais para acoller estas infraestruturas. "Contan con áreas o suficientemente amplas, ademais de servizos, quioscos e prazas para aparcar", indican os responsables do Goberno local, que teñen claro que a posta en marcha deste proxecto servirá para ofrecer á cidadanía "novos puntos de encontro para fomentar a convivencia e as xornadas en familia".
O Concello de Poio concédelle unha "importancia capital" aos espazos verdes e públicos, toda vez que desenvolven un "rol fundamental desde o punto de vista social e medio ambiental".
Contar con estas áreas resulta "indispensable" para mellorar non só a calidade do aire, senón tamén da vida dos veciños. Precisamente, no Plan de Mobilidade, aprobado a finais do ano pasado, saliéntase a relevancia destes espazos.
A día de hoxe, o municipio conta con máis de 91.000 metros cadrados de zonas verdes, repartidas en 43 emprazamentos distintos (18 en San Salvador, 13 en San Xoán, 5 en Samieira, 4 en Combarro e 3 en Raxó), o que se traduce nunha media aproximada de 5,3 metros cadrados por habitante. Máis da metade destas áreas corresponden, precisamente, a parques infantís (23). Ademais, nos últimos anos fóronse instalando máis de media ducia de parques biosaudables.
O anteproxecto servirá para especificar os pormenores dos novos parques, tales como a súa extensión, o número de aparellos cos que contarán e o orzamento necesario para estas construcións.
Unha fórmula que queda totalmente descartada polo Goberno local é a ampliación do parque infantil situado na contorna da Praza da Chousa, en Combarro, tal e como pretende o grupo da oposición, toda vez que "as instalacións actuais cumpren co seu cometido". Ademais, o tripartito alerta de que aumentar as dimensións deste espazo acabaría pasando factura á fachada costeira.