Os populares alertan da situación "moi perigosa" do Concello de Poio polo incumprimento do Plan financeiro
Por Oskar Viéitez
O concelleiro popular encargado da área de facenda, Sergio Pereira, cualificou como "demoledor" o informe do servizo municipal de Intervención sobre a liquidación do orzamento do ano 2019.
No devandito documento conclúen que o goberno local incumpriu os compromisos das súas contas así como a normativa vixente, o Plan Económico-Financeiro aprobado para o 2018-2019.
Os populares consideran que este "incumprimento da estabilidade orzamentaria e a regra de gasto" supón que agora o Concello deberá aprobar outro Plan "que supoñerá moitas restricións e moitos controis nas contas que se traducirán en recortes", indican.
Por último denuncian que todos estes incumprimentos "son algo moi preocupante porque deixa a Poio nunha situación moi perigosa" polo que acusan de "improvisación e irresponsabilidade" ao goberno local "por facer caso omiso dos informes semanais dos servizos de intervención que advirten reiteradamente destes perigos".