Incredulidade da CIG coa decisión do concello de externalizar servizos municipais
Por Oskar Viéitez
A sección sindical da CIG no concello de Sanxenxo mostrou públicamente o seu "malestar" tras coñecer a decisión do Goberno local de externalizar do Servizo de Axuda no Fogar.
Nun comunicado a secretaria comarcal CIG Administración, Dina Porral manifestou que "non entendemos o porqué desta decisión nin por que se da conta á prensa pero non á representación dos traballadores no organismo autónomo Terra de Sanxenxo ao que pertenece o persoal afectado".
Tamén quixo deixar constancia de que o alcalde Telmo Martin "minte se di que fai o mesmo que se está facendo en outros concellos e cita entre eles ao de Meaño" xa que neste caso o persoal é municipal e a empresa presta os servizos que os traballadores do concello non da prestado por xornada e/ou horario "e aínda asi o alcalde de Meaño comprometeuse co Comité de empresa a estudiar como ampliar o servizo e as xornadas do seu persoal".
Para a CIG "todo esto demostra que ao señor Telmo Martín o persoal municipal non lle importa en absoluto; xa que toma decisións sin pensar nas consecuencias e non vai poder decir que lle sae máis barato pois no ano 2013 cando o concello remunicipalizou o persoal de Samil o fixo porque se aforraban cartos prestando o servizo directamente e eso non cambiou agora".
Finalmente Dina Porral lembra que o Concello de Sanxenxo asinou no ano 2019 un convenio e un acordo regulador e "vendeuno como algo asombroso e a día de hoxe segue sen cumprir nin un solo punto do mesmo e agora sae con esto". "Que non se engane o señor Martín; xa non nos creemos nada do que di vai facer para o persoal. Só lle interesa montar administracións paralelas para o seus afíns", conclúe.