Quince empresas optan ao proxecto construtivo do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra vén de iniciar os trámites administrativos para a adxudicación do contrato para levar a cabo o proxecto construtivo do parque forestal periurbano da Fracha. Segundo explicou este luns a portavoz do goberno, Anabel Gulías, o pasado xoves tivo lugar a primeira mesa de contratación relativa a este proxecto, na que se procedeu á apertura de ofertas procedentes de quince empresas.
As empresas que se presentaron a esta contratación son Otero Forestal, Repoboación e Desbroces do Noroeste, SEANTO, Servitec Medioambiente, Zona de Obra O Rosal, Activa Parques y Jardines, Arines Obras y Proyectos, Calfensa Proyectos, Civis Globlal, Construcciones Caldevergazo, Construcciones E.C. Casas, Elsamex, Misturas, Narom, Naturgalia.
Este proxecto conta cun orzamento de contratación de 564.864 euros e cun prazo de execución de 12 meses. A área de actuación abrangue un total de 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 hectáreas), Tomeza (36,88 hectáreas) e A Canicouva (258,40 hectáreas).
As actuacións máis salientables van encamiñadas a acadar unha revexetación forestal con especies forestais autóctonas, a creación de áreas de estancia e lúdicas, o tratamento antierosión do terreo, a recuperación ambiental das beiras dos ríos, e a recuperación, marcado e creación de sendas.
O proxecto construtivo do parque forestal periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".
Relacionadas:
-
O parque forestal da Fracha estará acondicionado antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño |
-
Elsamex acondicionará o parque forestal da Fracha, o máis grande que terá Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello inicia a contratación do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello axudará ás comunidades de montes a elaborar os seus plans de ordenación
Por Oskar Viéitez |