A colaboración cidadá facilita a detención de tres ladróns de madrugada
Por Redacción
A colaboración cidadá facilitou a pasada fin de semana que a Policía Nacional detivese a tres mozos que acababan de roubar nun establecemento comercial de Pontevedra.
Os feitos sucederon na madrugada do sábado 22 de febreiro. Sobre as 3.55 horas da madrugada, un cidadán alertou a unha patrulla que realizaba tarefas de prevención da seguridade cidadá de que se acababa de producir un roubo no interior dun establecemento da cidade e relatou que os autores, tras romper o escaparate, saíran fuxindo a pé cara á ponte da Barca.
Os axentes da Policía Nacional realizaron unha batida polas inmediacións e lograron localizar a un deles na ponte da Barca e aos outros dous nunha rúa situada baixo a mesma ponte.
Os detidos son tres mozos de 24 e 19 anos de idade, dous deles con antecedentes policiais aos que se atribúe un delito de roubo con forza.
A un deles intervéuselle un teléfono móbil que levaba na man e que acababa de arrebatar a unha viandante cando saíu fuxindo cara á ponte. Este individuo, ademais, presentaba numerosos cortes na man como consecuencia da rotura do escaparate.
Os policías realizaron unha inspección ocular no establecemento comercial e observaron que o escaparate estaba fracturado e subtraeran unha báscula de precisión.