As praias de Marín xa se preparan para recibir os visitantes de Semana Santa
Por Redacción
O paso do inverno e os danos provocados polas inclemencias climatolóxicas provocan que as praias de Marín precisen tarefas de mantemento e coidado para poder estar nas súas mellores condicións de cara ás épocas con máis afluencia de xente, como Semana Santa ou verán.
As concelleiras Cristina Acuña e Marián Sanmartín fixeron unha revisión de varias praias do municipio para coñecer os danos causados polo paso do tempo e polas condicións meteorolóxicas destes últimos meses nalgúns casos, así como polo vandalismo.
O seu obxectivo é facer unha diagnose das necesidades de mellora en cada un dos areais e agora levaranse a cabo os traballos precisos.
Entre outras cuestións, detectouse a necesidade de tarefas de limpeza en toda a cartelería. Nalgúns casos as pintadas e os estragos causados por vándalos impiden a limpeza dos paneis e obrigan á súa restitución.
Ademais, faranse limpezas e desbroces nas marxes dos areais e limpeza e baleirado dos colectores e papeleiras.
En Portocelo tamén se limparán e acondicionarán os soportais que hai baixo o viario de praias e en Mogor recuperarase a area movida polo paso dos meses para mellorar o acceso baixo as escaleiras que dan á praia.