Novo golpe contra o furtivismo en Poio
Por Redacción
Gardapescas marítimos da Confraría de San Telmo de Pontevedra atraparon un furtivo que extraera ilegalmente 18,8 quilos de ameixa xapónica, dos cales o 80% era de talla inferior á legalmente establecida para a súa captura (inmaduros), co consecuente prexuízo que ocasiona ao ecosistema da ría de Pontevedra.
Os feitos sucederon este luns ás 22 horas cando o furtivo estaba nos areais da praia da Cabeceira de Lourido, no concello de Poio.
Ao verse descuberto este home fuxiu cara a un eucaliptal próximo. Tras ser capturado procedeuse á súa identificación e incautóuselle un saco que contiña ameixa xapónica.
Trátase dun "vello coñecido" por ser reincidente neste tipo de delitos e contar con innumerables sancións por feitos similares. Este individuo adoita operar habitualmente na zona de Poio e Vilaboa.
A Xunta de Galicia lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de forma ilegal supón un risco para a saúde ao non pasar ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre fóra das vías legais.