Manuel Campos Velay, elixido novo presidente da sección de Vilas Termais da FEMP
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, vén de ser elixido como novo presidente da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
O rexedor substitúe neste cargo á alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. Trátase dun organismo que agrupa a municipios e provincias con recursos termais e que funciona como plataforma de coordinación común na planificación e programación de iniciativas a prol do desenvolvemento e aproveitamento dos recursos hidrominerais.
Así mesmo, a organización –en funcionamento dende 2001- traballa na defensa dos intereses dos concellos que forman parte da mesma e no impulso dun papel activo das entidades locais no desenvolvemento dos aproveitamentos termais. Outro dos seus obxectivos é a promoción turística nacional e internacional das corporacións locais e dos municipios que configuran a marca "Vilas Termais da FEMP". Actualmente a sección acolle a 75 concellos de toda España e a 4 deputacións provinciais que representan a 2.676.736 habitantes
Manuel Campos mostrouse ilusionado co seu nomeamento como novo presidente da sección de vilas termais da FEMP e "comprometido a traballar por un sector con moito potencial e cunha importancia vital para o desenvolvementos dos municipios con augas termais como destinos turísticos sostibles a través da estreita colaboración entre administracións públicas e sector privado".
O alcalde explicou que "hai moito por facer no mundo do termalismo a nivel local e tamén retos importantes a nivel lexislativo, sobre novos tratamentos hidrotermais ou sobre as futuras tendencias do termalismo español". Campos tamén sinalou que "un dos obxectivos é o de conseguir a implicación da administración central no apoio á rede de vilas termais, que son maioritariamente municipios pequenos e rurais, como o caso de Cuntis".
"Considero que o apoio ao termalismo é fundamental como ferramenta para loitar contra a despoboación dos concellos termais e para xerar emprego estable que fixe poboación", indicou.
Por outra banda, o alcalde apuntou que "para Cuntis o nomeamento supón unha oportunidade para visibilizar a nivel nacional e internacional a nosa vila como destino termal e tamén para activar novas experiencias de promoción e dinamización que repercutan beneficiosamente nos nosos veciños e veciñas".