A mellora da contorna do centro de saúde de Lérez, no radar do Concello e da asociación de veciños
Por Redacción & Cristina Saiz
A nova directiva da asociación de veciños de Lérez presentouse este martes de forma oficial no Concello de Pontevedra a través dunha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira da parroquia, Pilar Comesaña, na que se abordaron cuestións do funcionamento da casa de cultura, do día a día da parroquia e de como mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Entre outras cuestións, houbo acordo entre os dirixentes políticos e veciñais na necesidade de mellorar a contorna do centro de saúde.
O alcalde sinalou que se trata dun proxecto que teñen en mente, pero "non podemos dicir cando" se vai impulsar, pois depende de moitas cuestións e na parroquia hai actualmente varios proxectos en marcha en zonas como Ramallás, Fontaíña ou A Piolla que hai que terminar. En todo caso, si adiantou que a idea á que lle están dando voltas pasa por facer unha actuación para converter a zona nun núcleo de centralidade parroquial e para mellorar a seguriadd viaria, na liña do proxecto xa desenvolto nas inmediacións do colexio público.
A asociación presentou á súa nova directiva, que preside Miguel Filgueira, veciño da parroquia e ex concelleiro do BNG no Concello de Pontevedra, e ten a Alberto Abilleira como vicepresidente, Carmen Alfonso como secretaria e Elisa García como tesoureira. Os vogais son Ángel Moldes García, Alberto Abilleira Sanmartín, Ignacio Amoedo Rodríguez, Jesús Filgueira e Rafael Gómez.
A asociación veciñal conta con 260 familias dadas de alta, un número elevado tendo en conta que a parroquia non chega aos 2.000 veciños e boa mostra de que, tal e como destaca Miguel Filgueira, Lérez ten un movemento veciñal "potente" con moita xente implicada e con inquietudes.
A nova directiva veciñal márcase como obxectivo "canalizar" os intereses veciñais, pois son conscientes de que non ten poder executivo, pero si como mediador para lograr aspectos que melloren a vida da parroquia.