O garda civil máis veterano da Comandancia: 46 anos de uniforme e a vocación intacta
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A partir do próximo 2 de marzo o comandante José Manuel Corral Peón deixará de acudir a diario á Comandancia da Garda Civil, deixará as súas responsabilidades á fronte da Oficina Periférica de Comunicación e como coordinador provincial do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas e xa non usará de forma habitual o uniforme que vestiu os últimos 46 anos, pero non deixará de ser garda civil. De forma simbólica poderíase dicir que colgará o uniforme, pero a expresión non reflicte a realidade, pois deixará de estar en activo, pero non pode ocultar a emoción cando asegura que "lo voy a llevar en el corazón" e que "la condición de guardia civil es imposible que la pierda".
O uniforme non só representa a súa profesión, senón que forma parte da súa forma de ser. Mesmo xa curtía a súa personalidade anos antes de que o vestise por primeira vez. Fillo de garda civil, pasou os seus cinco primeiros anos no desaparecido cuartel de Codeseda, na Estrada, e aí empezou a perfilarse a súa vocación, cando ía da man do seu pai, preguntábanlle que quería ser de maior e el respondía: "guardia, como mi padre" ou cando, aínda sen permiso, probaba o uniforme paterno e levou "más de una bronquita" por "jugar con cosas que no debía".
Corral non sabe en que momento se deu conta de que quería ingresar na Garda Civil, pero rememora con brillo nos ollos aqueles primeiros anos nos que xogaba co garda de portas e atesoura grandes recordos da súa primeira década. O seu pai faleceu cando el tiña tan só dez anos e, a pesar da curta idade, mantén intactos moitos recordos de infancia, evoca a imaxe do seu pai vestindo de uniforme de forma permanente -como era habitual na época- e lembra coma se fose antonte aqueles momentos nos que "cuando iba con mi padre de la mano me sentía inmensamente feliz, me sentía muy grande".
Cando chegou o momento de elixir profesión, ese orgullo pola do seu pai estaba marcado ben dentro na súa retina e a vocación seguía igual de viva que cando levantaba apenas un palmo do chan e vía con orgullo que Vicente Corral chegaba a casa mollado e coas botas cheas de barro. Recoñece que "posiblemente la triste circunstancia de la muerte de mi padre pues a lo mejor me afianzó" e agora que pasaron xa máis de 46 anos e está a piques de deixar de ser o garda máis veterano da Comandancia de Pontevedra, mesmo se reforzou nesa vocación, alimentada por máis de catro décadas de servizo, as tres últimas neste mesmo destino.
Ás portas dunha xubilación que case pode considerarse de récord polo complicado que resulta que un garda acumule tantos anos de servizo -el entrou aos 19 porque, como 'fillo do corpo' non puido ingresar na Academia xa antes de facer o servizo militar-, PontevedraViva quixo facer un repaso por esa traxectoria que lle levou por localidades de Pontevedra, Lugo e Ourense e que deixa na súa cartilla de servizos logros como a operación Abuelo contra a pesca con dinamita, a detención de membros do Grapo ou accións importantes na loita contra o nacionalismo radical.
A súa modestia impídelle falar de expectativas cumpridas, pois cre que non ten que ser o que faga balance e corrixa o seu exame, pero si chega á xubilación coa tranquilidade de que "hice todo lo que pude y lo mejor que pude; si me salió mal es porque no lo supe hacer mejor y si me salió bien es porque también recibí muchas ayudas". No seu caso, subscribe letra por letra a cartilla do Duque de Afumada cando sostén que "El Guardia Civil no hace más que cumplir con su deber". Subscribe moito máis aspectos desa cartilla, da que estes últimos días como garda recibiu unha edición con varias décadas, e sente como propio o lema que coroa unha das entradas da Comandancia pontevedresa: "el honor es la principal divisa de la Guardia Civil".
Tiña apenas 19 anos cando o 1 setembro de 1974 chegou á Academia de Gardas de Úbeda e aínda que nas súas actividades formativas vestían cunha funda de traballo, cando saían de paseo nos seus días libres, facíano co uniforme. O primeiro sábado que saíu á rúa con uniforme foi "verdaderamente especial" para el, como o foron aqueles primeiros días de infancia no que xogaba a ser garda co do seu pai e como cada un dos que viviu desde entón. Garda especial agarimo dos vividos en Redondela. Se a súa vocación naceu en Codeseda, afianzouse no cuartel desta localidade, o seu primeiro destino e, como ocorre coas primeiras parellas, o que máis lle marcou. Estivo alí en tres etapas distintas e tamén pasou por Lobios, Vigo e un pequeno cuartel preto de Burela, en Lugo.
Moito cambiou todo desde ese primeiro destino, ao que chegou aínda na Ditadura, o 1 de marzo de 1975, e no que viviu o cambio de réxime e os primeiros anos da transición, unha época de poucos medios económicos na Benemérita, na que pasaba máis horas traballando que na casa e viviu momentos como a chegada do primeiro coche para o cuartel -antes facían as patrullas a pé ou nos seus coches ou motos particulares por falta de medios- ou a aprobación da Constitución Española. Lembra con especial claridade como se sentiu a primeira vez que, tras a aprobación desta norma, tivo que dicir a un detido que tiña dereito a mentir e tamén a súa sorte de que naqueles anos convulsos non estivo destinado no País Vasco.
Nestes anos houbo satisfaccións e frustracións, máis das primeiras que das segundas, ou quizais a súa mente fíxolle quedar con eses bos momentos e logros que cos momentos, que os houbo, por esa sensación de "impotencia" de ver cometer unha inxustiza sen poder facer nada para impedila. En especial queda con aquela época de Redondela, na que, ademais, a nivel persoal, casou e naceron os seus dous fillos; e tamén coa etapa final, o últimos catro anos nos que coordinou o Plan Director.
Os seus compañeiros neste programa fixérono chorar en non poucas ocasións e foi realmente consciente da importancia da "sensibilidad que debe crearse en torno a la formación" como peza crave para educar ás novas xeracións e ter unha sociedade na que non teñan cabida a violencia de xénero, o acoso escolar ou problemas á alza como a ciberdelincuencia. "He trabajado en un ámbito muy distinto al que venía trabajando y he visto una perspectiva humana de la Guardia Civil que en mi faceta anterior me podía pasar desapercibido, esa labor social y humanitaria", destaca.
Desde a súa chegada a Pontevedra no ano 1990 estivo no servizo de información, como sarxento, tenente, capitán e comandante, ata que pasou á reserva e serviulle para ter un contacto directo cos medios de comunicación e tamén para realizar un labor máis calado e de longo percorrido dentro do propio Corpo que lle deu moitas satisfaccións. Agora, eses anos de experiencia, sumados ao resto da súa traxectoria, confía en poder dedicalos a un labor social.
Aínda non se fixo un plan de xubilación, pero si ten claro que, en primeiro lugar, dedicará esta etapa para devolver á súa familia as horas roubadas durante anos de plena dedicación á Garda Civil, cambiando o chip do traballo, e logo buscará "alguna ayuda solidaria con algún colectivo o asociación" e, de forma totalmente altruista, "hacer lo que sé hacer". "Mi trabajo toda la vida fue ayudar y servir al ciudadano". E así pretende seguir.