"Sorpresa maiúscula" na Deputación pola decisión da Xunta "pechada, unilateral e partidista" de situar o GES en Moraña
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra manifestou este mércores, ao través do deputado provincial Gregorio Agís, "a nosa enorme sorpresa e malestar" tras a decisión da Vicepresidencia da Xunta de Galicia de situar o Grupo de Emerxencia Supramunicipal no concello de Moraña, tras a renuncia de Valga a seguir xestionando o GES no seu municipio.
A proposta da Xunta aprobouse sen votos en contra e cos votos a favor da Administración autonómica, deputacións provinciais da Coruña e Ourense. Trala aprobación, será comunicado ao concello, que terá que ratificar a decisión. Posteriormente, procederase á contratación dos efectivos e á súa formación.
Agís, que participou este mércores na Comisión de Seguimento dos GES en Santiago de Compostela, cualificou de "deslealdade institucional o feito de que a Xunta levase á reunión desta mañá unha proposta pechada e unilateral para Moraña, da que non tiñamos ningún coñecemento previo".
De feito, a decisión do enclave de Moraña para o GES obriga a reconfigurar o propio sistema, "algo que nin se consensuou e do que non se informou á Deputación".
O deputado sinalou que "non entramos a avaliar a idoneidade de Moraña como sede, de feito abstivémonos na votación como fixo a FEGAMP porque non coñecíamos a proposta, pero os modos e as formas da Xunta son máis propias do absolutismo que dun sistema democrático".
Gregorio Agís lamentou que nin sequera se aceptara a proposta da Deputación de Pontevedra de pospoñer a decisión ata o vindeiro luns, para adoptar unha posición conxunta, "ante a falta de información sobre a elección da Xunta e as súas consecuencias que obrigan a modificar todo o sistema dos GES". O deputado que lembrou "o paradóxico que resulta que Rueda decida o emprazamento sen consultar, cando se enche a boca de dicir que os GES son competencia das Deputacións e non da Xunta de Galicia. En que quedamos?", preguntou.
O representante da Deputación de Pontevedra lamentou igualmente que na Comisión "nin se entrase a valorar a proposta de Caldas, que nunca renunciou senón que pedía unhas condicións das que nin sequera se falou, ou o ofrecemento do concello de Cuntis que tampouco entraron a valorar porque dixeron que non cumpría as isocronas".
CUNTIS
Precisamente o Concello de Cuntis remitiu este mesmo mércores o escrito formal de solictude da ubicación do GES no municipio de Cuntis dirixidos o director xeral de emerxencias e interior Santiago Villanueva, a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o presidente da Fegamp Alberto Varela, para que sexa estudiado pola comisión mixta , no escrito o concello detalla os medios que conta e cos que presta o servizo nestes momentos .
RESTRUTURACIÓN DO ÁMBITO DE ACTUACIÓN
Tal e como explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, "a ubicación do novo servizo en Moraña cumpre os criterios técnicos e, ademais, permite un reparto máis equitativo da poboación atendida por cada un dos GES resultantes da nova configuración no ámbito do Ulla-Umia".
Nesta cuestión tamén discrepa a Deputación de Pontevedra que sostén que "Moraña tampouco cumpre segundo un informe da Dirección Xeral de Emerxencias, e por iso se ten que reconfigurar o sistema". Ante esta situación, Agís concluiu que "é unha vergoña, unha vez máis o Partido Popular enfronta unha cuestión tan importante como as emerxencias atendendo exclusivamente a cuestións partidarias, na escolla dun concello onde goberna o PP".
Efectivamente o novo GES conlevará unha restruturación do ámbito de actuación das sedes.
Actualmente, a configuración é a seguinte. O GES de Valga cubría Valga, Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis e Portas; o de Padrón, ao propio Padrón, Rois e Dodro; e o da Estrada, á Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Teo, Vedra e Moraña.
Coa ubicación do GES en Moraña, este prestará servizo a Caldas de Reis, Portas e Catoira, tal e como facía anteriormente o GES de Valga. Ademais, mellorará o tempo de resposta a Campo Lameiro, Cuntis e Moraña (anteriormente adscritos ao GES da Estrada), que pasarán a depender do GES de Moraña, xunto con Barro.
Pola súa banda, os concellos de Valga e Pontecesures poderán adscribirse de forma prioritaria ao GES de Padrón, con mellores tempos de resposta, e, subsidiariamente ao GES de Moraña.
Relacionadas:
-
Os alcaldes do PP piden á Deputación que apoie a creación dos GES en Moraña e A Lama
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O alcalde de Caldas arremete contra a Xunta tras a sentenza que obriga a Valga a readmitir o persoal do GES
Por Redacción |
-
Moraña acepta a proposta da Xunta e será a nova sede do GES para a comarca do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
Manuel Campos di que "a Xunta utiliza as emerxencias como un xoguete político"
Por Redacción |
-
Moraña ofrécese a acoller o GES do Ulla-Umia despois da renuncia de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas só adoptará o GES de Valga se o financian os concellos da Mancomunidade do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
Caldas rexeita polo momento acoller o GES de Valga ante as "dúbidas" sobre o seu traslado
Por Redacción |
-
Carmela Silva acusa a Rueda de denegar o GES ao Grove porque o alcalde é socialista
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O GES de Valga vaise reubicar en Caldas de Reis
Por Redacción |