A importancia da intervención temperá nos procesos de perda auditiva
Por Redacción
Concienciar sobre a importancia da intervención temperá nos procesos de perda auditiva e fomentar a realización de estudos audiolóxicos anuais entre a poboación con menos recursos son algúns dos obxectivos do proxecto Pontevedra Escoita, impulsado pola Concellería de Benestar Social e o Centro de Especialidades Audiolóxicas (CEA) de Pontevedra co gallo do 3 de marzo, Día Mundial da Audición.
No marco desta iniciativa o vindeiro martes celebrarase a xornada conmemorativa cun acto que terá lugar ás 19:00 horas na Praza da Peregrina e no que os promotores portarán camisetas reivindicativas e farán lectura dun manifesto.
A edil de Benestar Social, Paloma Castro, fai fincapé na necesidade de "apoiar e comprometerse con accións que axuden a lembrarnos a importancia de manter unha boa saúde auditiva", xa que "en tódalas etapas da vida, a comunicación conéctanos entre nós, coas nosas comunidades e co mundo". Neste sentido, a socialista asegura que unha das finalidades da campaña Pontevedra Escoita é "recomendarnos que fagamos estudos audiolóxicos anuais".
O Centro de Especialidades Audiolóxicas, con sede no número 8 da rúa Frei Xoán de Navarrete, ofrece servizo á poboación sen recursos, comprometéndose a que tódalas persoas poidan acceder a unha solución auditiva.