Defensa estuda a expropiación dos terreos da Brilat e os comuneiros de Salcedo dan de prazo ata setembro para atopar unha solución
Por Redacción
"Dixéronnos que non teñen pretensión de sacar a base de aquí", así de rotundo se manifesta Fernando Pintos, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, ao transmitir o que sucedeu na reunión mantida este mércores 24 en Madrid con representantes do ministerio de Defensa para intentar alcanzar un acordo sobre os terreos ocupados polo cuartel da Brilat. "Agora ninguén poderá dicir que se os comuneiros non chegan a acordo, os militares vanse ir de aquí".
Pero a reunión non serviu para achegar posturas en relación ao canon que os comuneiros intentan establecer a Defensa polo uso dos terreos. Segundo explica Fernando Pintos, "o noso avogado fixo unha proposta de rebaixar a un 50% a oferta inicial, quedando en 0,25 euros o metro cadrado pero eles só nos dan un 20% máis que na anterior negociación. Pasan de 0,04 a 0,05 euros por metro cadrado".
Pero o sorprendente foi que dende o ministerio de Defensa comunicaron que están a estudar a posibilidade de asumir unha expropiación dos terreos. Pintos sinalou que esa opción fora rexeitada anteriormente pero que, en todo caso, se deciden ir ao proceso de expropiación, os comuneiros reclamarán un xustiprezo e, segundo os datos que manexan de casos similares, os terreos podería situarse nun prezo de entre 70 e 100 euros metro cadrado para unha extensión de 32 hectáreas.
Os comuneiros indicaron que, despois dun ano de negociacións, decidiron establecer como data límite o mes de setembro para intentar alcanzar un acordo. Se non fose así, Fernando Pintos alerta de que tomarían "posesión do monte". Ao longo do mes de agosto, os comuneros agardan que se produza unha resposta á oferta que formularon hoxe ou que Defensa anuncie que optan pola vía da expropiación.
Relacionadas:
-
Defensa e comuneiros volverán negociar este martes en Vigo polo terreo da Brilat
Por Oskar Viéitez |
-
Salcedo, disposta a rebaixar o canon polo monte da Brilat de 450.000 a 277.500 euros anuais
Por Natalia Puga |
-
Salcedo pide a Defensa que negocie sen "chantaxes ou ameazas" e ao PP que se deixe de "charlatadas"
Por Alejandro Espiño |