O PSOE defenestra tamén a María Pierres e coloca a Paloma Castro de número 3 para o 5A
Por Redacción & Natalia Puga
O Comité Nacional do PSdeG decidiu apartar á pontevedresa María Pierres, deputada autonómica na última lexislatura, da candidatura para as próximas eleccións do 5 de abril. A decisión, adoptada nunha reunión este xoves, supón, en realidade, defenestrar á candidata máis votada por parte da asemblea local socialista e que figuraba no número catro da lista que propuxo o Comité Executivo Provincial.
As candidaturas aprobáronse por aclamación para as catro provincias galegas e, no caso de Pontevedra, retocan as propostas do partido a nivel provincial para incluír a candidatos próximos ao cabeza de lista e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero.
Caballero preséntase como número 1 por Pontevedra e levará de número dous á concelleira de Vigo e actual deputada provincial María Isaura Abelairas. O número tres será para unha pontevedresa, a actual concelleira Paloma Castro, afín a Caballero e que figuraba na proposta do PSOE local, pero non na lista aprobada polo Comité Provincial.
A decisión de deixar ao carón a María Pierres é a segunda significativa que afecta a unha socialista da cidade do Lérez. Así, xa chamou a atención que a Executiva Provincial prescindise da tamén deputada na última lexislatura Patricia Vilán.
Castro, que tamén forma parte da dirección do PSdeG, será a única representante da comarca de Pontevedra nos postos de saída da lista, na que chama a atención que catro dos seis primeiros postos procedan da agrupación de Vigo. O número 4, o vilagarcián Julio Torrado, e Castro son a excepción. Así, tras Caballero e Abelairas, nos número 5 e 6 figuran outras dúas viguesas, Leticia Gallego (5) e a xornalista Noelia Otero (6).
Os postos de saída complétanos Pontecesures Daniel Chenlo (7), de Pontecesuress; Olga Rodríguez (8), de Redondela; Rafael Cotelo (9), de Pontevedra cidade; e Paula Fernández Pena (10), de Silleda.
A candidatura non cumpre os postulados de 'lista cremalleira', senón que introduce unha maior presenza feminina nos dez postos de saída.
O resto da lista intégrana Rubén Pérez Prego (11), Marina Vidal Lorenzo (12), José Antonio Dono López (13), María Yolanda Rodríguez Rodríguez (14), Javier Osorno Camiña (15), María José Vales Martínez (16), Felipe González Bernárdez (17), Bárbara Domíguez González (18), José Luis Fernández Piñeiro (19), María del Carmen del Río Abal (20) e Icía García Fernández (21). Pecha a lista, no número 22, o ex acalde de Cotobade Manoel Loureiro Adán.
A proposta deseñada e retocada polo PSOE galego revisarase este venres en Ferraz. O Comité Nacional da formación analizará a proposta autonómica e tamén terá en conta as provinciais.
Relacionadas:
-
A Agrupación Socialista de Pontevedra incorpora á arquitecta María Pierres ao Consello da Muller
Por Redacción |
-
Caballero promete desde Pontevedra gratuidade en escolas infantís e en primeiras matrículas en universidade
Por Redacción |
-
Galicia en Común sitúa os pontevedreses Iria Figueroa e Marcos Cal como números 2 e 3
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva, sobre a candidatura do PSOE para o 5A: "Se a min me dixeran 'fai ti unha lista', eu faría esta"
Por Natalia Puga |
-
O Comité Executivo Provincial do PSOE elabora a candidatura por unanimidade
Por Oskar Viéitez |
-
María Pierres encabeza a candidatura elixida pola militancia socialista para as eleccións do 5 de abril
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada