Galardón en Berlín para o audiovisual 'Fame de experiencias', que promove o turismo gastronómico en Pontevedra
Por Redacción
O audiovisual 'Fame de Experiencias' co que a Deputación de Pontevedra promocionou o turismo gastronómico da provincia no ano 2019 acaba de lograr un galardón no certame The Golden City Gate de Berlín, que premia a creatividade e innovación na industria do turismo en ITB Berlín.
A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que este novo recoñecemento internacional súmase ao obtido na pasada edición da Feira FITUR ao Mellor Vídeo de Promoción Produto Turístico de España, e destacou que estes recoñecementos "amosan que temos un modelo diferente de promoción da nosa provincia que nos fai únicos e únicas", e tamén o gran talento que existe na provincia, pois o audiovisual é autoría de Esmerarte Industrias Creativas, empresa da que destacou que ten "compromiso co territorio" e que "segue a sorprender cada ano".
A institución provincial e Esmerarte estarán presentes o 5 de marzo en Berlín na entrega de premios da 20 edición deste galardón e, ademais, o audiovisual proxectarase a vindeira semana durante a celebración da Feira Internacional de Turismo ITB de Berlín, feira líder da industria turística mundial.
As pezas presentadas a concurso foron avaliadas por un xurado internacional formado por 45 profesionais relacionados co mundo do turismo nas áreas específicas do seu traballo, como márketing turístico, audiovisual, relacións públicas, publicidade, música, deseño, así como representantes de institucións públicas como cónsules e embaixadas que tivo en conta criterios como a calidade de realización visual e sonora, o efecto emocional, o narrativo, o valor informativo sobre o destino, a creatividade e a innovación da proposta ou a súa afinidade co público obxectivo.
'Fame de experiencias' estivo dirixido por Alberto Baamonde e Laura Fontán. O primeiro acompañou este venres a Carmela Silva nunha comparecencia na que deu a coñecer o premio e destacou que o audiovisual é "case motivacional" e que para Esmerarte resulta fácil traballar neste tipo de audiovisuais porque "temos unha materia prima exquisita, que é a provincia de Pontevedra".
Este audiovisual tamén é finalista nos Premios de Televisión e Cinema dos Festivais de Nova York 2020, do que a finais de marzo se darán a coñecer os gañadores
Relacionadas:
-
'É o teu momento', a campaña de experiencias únicas que Rías Baixas levará a Fitur
Por María José Pita |
-
A campaña "Fame de experiencias" obtén o seu décimo recoñecemento internacional
Por Redacción |
-
A campaña turística Fame de Experiencias, da Deputación, recibe un novo premio
Por Redacción |
-
Turismo Rías Baixas logra a medalla de prata nun certame turístico en New York
Por Redacción |
-
O paraíso natural das Rías Baixas sorprende en FITUR
Por Redacción |
-
Este Nadal saborea Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar "da mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |