O BNG confirma a Alexandra Fernández e Manu Lourenzo para a súa candidatura por Pontevedra
Por Redacción
O BNG desvelou a súa candidatura por Pontevedra para as próximas eleccións galegas do 5 de abril. Tras avanzar que Luis Bará e Montse Prado, actuais deputados pola provincia, repetirían á fronte da lista, o seu Consello Nacional referendou este sábado o nome dos homes e mulleres que acompañarán a ambos nesta nova etapa.
Tal e como se confirmara nas últimas horas, Alexandra Fernández é a incorporación máis destacada. A ex deputada no Congreso por En Marea será o número 3 da lista que, nos seus primeiros postos, complétase con Manuel Lourenzo Sobral, portavoz do BNG en Soutomaior, que ocupará a cuarta praza pola provincia.
A activista Carmela González Igrexas (Vigo), Paulo Ríos Santomé (Moaña) que é o secretario xeral de Galiza Nova, os mestres Cristina Fernández Davila (Ponteareas) e Xosé Manuel Méndez Díaz (A Guarda), a veterinaria Ariadna Fernández González (Lalín) e Xosé Lois Leirós Gude (Vilagarcía), voceiro dos emigrantes retornados, están tamén nos dez primeiros postos.
Iria Villar Rodal (Cangas), Adrián Rodríguez Bravo (Vigo), Sandra Fernández Agraso (Sanxenxo), Pablo Carracedo Goldar (Cuntis), Jéssica García Cruz (Redondela), Francisco Chivite Mosquera (Mondariz-Balneario), Raquel Pérez Fernández (Vigo), David Marcos Ramos (Vilagarcía), Lola Dopico (Pontevedra), André Abal Mauricio (Moaña) e Miriam Ferradáns Ferradás (Bueu) completan a candidatura, que pecha Lois Pérez Castrillo, ex alcalde de Vigo.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que esta é unha candidatura de "excelencia" que defenderá un "auténtico programa de goberno" para pedir o apoio da maioría social que quere un "cambio galego" e que Galicia teña por primeira vez un goberno "sen submisións".
"Merecemos algo tan simple e tan revolucionario como que Galicia sexa gobernada desde Galicia", engadiu Pontón, que reclamou que tras o 5 de abril non haxa un goberno "nin absolutista nin sucursalista" e a Xunta teña unha presidenta nacionalista "coas mans libres e as ideas claras para defender, sempre e en todo lugar, os intereses dos galegos e das galegas".
Cun BNG á alza, Pontón está convencida de que as urnas van abrir un tempo novo e considera que "se hai unha gran mobilización a favor do BNG haberá un cambio real" que permita desaloxar da Xunta a un goberno "absolutista" do PP, que foi "inútil e nocivo" para Galicia.
Relacionadas:
-
Un goberno do BNG será, segundo Pontón, o "máis fiel aliado" de Pontevedra para sacar a ENCE da ría
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Bará inicia unha campaña para o BNG enfocada en activar o voto de "xente nova e urbano"
Por Redacción |
-
Galicia en Común sitúa os pontevedreses Iria Figueroa e Marcos Cal como números 2 e 3
Por Alejandro Espiño |
-
Alexandra Fernández 'ficha' polo BNG e integrarase na súa candidatura por Pontevedra
Por Redacción |
-
Luís Bará repetirá como número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra
Por Redacción |