Unha nova comisión veciñal organizará as Festas do Ecce Homo de Cerdedo
Por Redacción
Catro meses terán de prazo os membros da nova comisión organizadora das Festas do Ecce Homo de Cerdedo, que manterán o seu esquema habitual de tres xornadas na derradeira fin de semana do mes de xullo -venres 24, sábado 25 e domingo 26- e disporán do tradicional festivo local de descanso ao día seguinte, o luns 27.
Presidida por Javier Jorge Simal, nesta comisión participan outros sete veciños que xa están a traballar na súa preparación tras a súa presentación xunto ao goberno local e o párroco Luis Caxide hai algúns días.
A comisión está conformada, ademais de polo presidente, polos veciños Gerardo Bouzas Obelleiro, Pilar Viéitez Garrido, Juan José González Silva, María Dolores Fraguas Gómez, Leo Fernández Sieiro, José Manuel Antelo Gómez e Concepción Vidal Troitiño.
As festas arrancarán o venres e estarán dedicadas, na xornada do sábado, á Virxe das Dores coa tradicional procesión na súa honra polas rúas en dirección a Pontevedra, mentres que o domingo, festividade do Divino Ecce Homo, tamén haberá pasarrúas relixioso cara a saída de Presqueiras.
Nas vindeiras semanas iranse perfilando as demais actividades destas festas, das máis importantes do municipio, e que contarán coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade.