Sanxenxo endurecerá as sancións na nova ordenanza de venda ambulante
Por Redacción
Acabar coa "notable indisciplina" que Sanxenxo detectou nalgúns vendedores ambulantes. É un dos principais obxectivos da nova ordenanza municipal que ultima o Concello para regular esta actividade económica e que, entre outras cuestións, incluirá un réxime sancionador moito máis severo.
Así o explicou o responsable municipal desta área, Marcos Guisasola, que avanzou que a ordenanza quedará exposta ao público nos próximos días e que, durante un mes, poderanse presentar alegacións a esta nova normativa.
En liñas xerais, a ordenanza fixa que as autorizacións para exercer a venda ambulante en Sanxenxo terán unha vixencia dun ano e os interesados deberán renovala anualmente ata un máximo de cinco anos. Cada persoa física ou xurídica só poderá obter un posto e, no caso de asociarse en cooperativa, o límite será de dez postos.
Para poder obter unha delas, os vendedores deberán de ser maiores de idade, estar de alta na Seguridade Social e estar ao corrente de pago, contratar unha póliza de responsabilidade civil e, no caso de vender alimentos, deberán ter carné de manipulador.
A ordenanza, que substituirá á normativa de 1999, inclúe ademais varios capítulos específicos para protexer os dereitos dos consumidores, para recoller as obrigacións dos vendedores e para garantir a calidade e legalidade dos produtos que se vendan.
Sanxenxo, en principio, autorizará a venda de artigos téxtiles, artesanía, bixutería, marroquinería, calzado, confección, droguería, artigos de coiro ou pel, de pequeno ornato, froitas, verduras, plantas, produtos de confeitería, froitos secos, produtos envasados ou produtos alimenticios, ademais dos que permita normas superiores.
O réxime sancionador, pola súa banda, pretende combater entre outras prácticas indesexables que a zona na que se celebran os mercados quede chea de lixo tras o desmonte dos postos, incluíndo sancións leves, graves e moi graves.
As sancións leves van desde o apercibimento ata a multa de 750 euros, as graves -entre elas a ausencia de limpeza- oscilarán entre os 750 e os 1.500 euros e a posibilidade de suspensión temporal da autorización e, por último, as faltas moi graves -como a venda de falsificacións- supoñerán entre 1.500 e 3.000 euros de multa e a retirada da autorización.