Belas Artes quere crear en Caldas un laboratorio permanente de arte
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra buscan fórmulas para ampliar unha colaboración que iniciaron hai máis de vinte anos. Ambas partes estudan asinar un convenio para consolidar a vila como laboratorio permanente de arte e espazo público.
Para estudar os detalles do acordo, o vicedecano de Belas Artes, Javier Tudela, reuniuse coa concelleira de Cultura, María López, analizando estas vías de colaboración.
Ambas institucións colaboran desde 1998 no desenvolvemento do proxecto Kaldarte, no marco do festival Cultura Quente, que atraeu a Caldas a centos de artistas que desenvolveron intervencións de todo tipo en diferentes espazos da vila termal.
Esta actividade está totalmente consolidada baixo a coordinación de Juanjo Fuentes, a organización do Concello de Caldas, a colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra e o patrocinio de Red Eléctrica Española.
Mediante o acordo que se está estudando proponse reforzar as canles para a participación no proxecto Kaldarte de artistas, profesores, estudantes e egresados de Belas Artes. Esta iniciativa permite un formato de investigación continua sobre as características diferenciadas da arte no espazo público e o desenvolvemento de talleres de creación artística.
Tamén se pretende continuar a internacionalización de Kaldarte mediante o seu desenvolvemento paralelo nos municipios irmandados con Caldas: a cidade termal portuguesa de Caldas de Vizela e a cidade termal colombiana de Villamaría, no departamento de Caldas.
O acordo proporá ademais a edición dunha publicación conmemorativa do 25 aniversario de Kaldarte, en 2022, que recolla as intervencións artísticas realizadas en Caldas en todos estes anos e avalíe o problema da arte no espazo público no contexto galego.
A concelleira de Cultura, María López, destacou o interese que ten para Caldas traballar coa Universidade de Vigo no desenvolvemento de proxectos artísticos e na posta en valor do patrimonio urbano, cultural, natural e inmaterial do Concello.