Os primeiros beneficiarios da renda social municipal serán antigos menores extranxeiros non acompañados
Por Natalia Puga
A renda social municipal, aprobada polo Goberno local no mandato pasado, entrará finalmente en funcionamento. A tramitación do expediente demorouse moito máis do previsto e ata agora non puido haber ningún beneficiario, pero a previsión é que o próximo mes xa poidan cobrarse as primeiras.
Os primeiros beneficiarios serán oito, a maioría persoas que acaban de cumprir os 18 anos despois de chegar a Pontevedra como Menores Estranxeiros Non Acompañados (os coñecidos comunmente como Menas). Son rapaces que estaban baixo tutela no centro Príncipe Felipe de Pontevedra. .
De momento, só hai esas oito solicitudes, pero a concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro calcula que poderá haber en Pontevedra unhas 50 persoas beneficiarias. A cifra pode variar en funcións do número de integrantes das solicitudes, pois o importe a recibir varía en función do perfil do usuario.
A Renda Social Municipal é incompatible coa percepción da Risga e tradúcese nunha contía máxima do 75% do IPREM (549 euros) para unidades familiares constituídas por un único membro (411,75 euros), o 90% se son dous membros (494 euros) e o 100% se son tres ou máis. Percibirase por un prazo máximo de seis meses, prorrogable ata un máximo de 12. En canto aos que acaban de cumprir os 18 anos, recibirán 411,75 euros porque son solicitudes individuais.
En total, a Xunta de Goberno local deu luz verde este luns á convocatoria de subvencións desta Renda Social Municipal de 2020, que contará cun importe global de 200.000 euros. A concelleira amósase convencida de que o "boca a boca" actuará e as oito solicitudes actuais van medrar.
Paloma Castro explicou que ata agora non se puideran conceder estas axudas e os cartos consignados para elas foron redistribuídos para destinarse ao convenio coa Fanpa para a xestión dos comedores escolares ou á sinatura de acordos de colaboración con colectivos como a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) ou Juan XXIII.
A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á convocatoria das Axudas para Situacións de Emerxencia Social (AESMUD), autorizando e aprobando unha achega de 90.000 euros para a súa cobertura no presente ano.
As Axudas de Emerxencia Social manteñen a mesma contía económica que noutros anos, permitindo tramitar "con moita axilidade" cuestións puntuais que precisan atenderse con certa premura, como o impago dun aluguer ou a compra dunha lavadora.
Relacionadas:
-
O goberno local aproba en pleno a conta xeral de 2018 e un recoñecemento extraxudicial de crédito
Por Redacción |
-
Só cinco personas solicitaron a renda social municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Estiman que haberá uns 75 beneficiarios da renda social que aprobou Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Os beneficiarios da renda social municipal cobrarán un máximo de 537 euros ao mes
Por Alejandro Espiño |