Máis de noventa vehículos poderán usar o aparcamento da Rúa da Pedra
Por Redacción
Cos traballos de movemento de terras comezou a actuación municipal que permitirá acondicionar unha nova área de aparcamento na Rúa da Pedra. O Concello de Bueu estima que poderán usar esta zona máis de noventa vehículos ao mesmo tempo.
A reforma integral da Rúa da Pedra supuxo recentemente a eliminación das prazas de aparcadoiro en liña, motivo polo cal o Concello decidiu adquirir esta parcela de 1.300 metros cadrados, situada fronte o Pavillón Municipal Pablo Herbello.
A finca mercouse por un custe de 31.132,53 euros, que se financiou na súa totalidade con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.
O Concello está xestionando a compra doutra parcela que, aínda sendo máis pequena, suporá incrementar notablemente o aparcadoiro desta zona.
Este aparcamento dará servizo ás persoas da rúa e ás usuarias do pavillón, do CEIP A Pedra, do IES Johán Carballeira, do IES Illa de Ons e mesmo do centro de saúde.