Conde sinala ao talento da mocidade como unha "oportunidade" para xerar emprego
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou a aposta da Xunta de Galicia polo talento novo como "unha oportunidade para impulsar iniciativas xeradoras de emprego".
Francisco Conde participou este martes en Pontevedra nun encontro informativo coa Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe) e AJE Pontevedra, sobre as liñas de axudas que están abertas para autónomos e empresarios.
Na súa intervención, o conselleiro deu conta dos diferentes programas de apoio en campos como o financiamento, o impulso á contratación ou a internacionalización.
Conde valorou como "indispensable" apoiar ao talento dos mozos para "marcar a diferenza" e incidiu en que é "necesario" garantir o seu acceso ao tecido empresarial para "complementalo e reforzalo". Ademais, remarcou a capacidade da mocidade galega para impulsar novos proxectos que "dean resposta aos retos actuais".
Neste sentido, o conselleiro presentou un paquete de medidas da Xunta co nome xenérico de "Talento Novo", que están dirixidas a apoiar a 5.500 mozos no seu acceso ao mercado laboral, mellorando a súa empregabilidade e tamén a cualificación e as aptitudes dos menores de 30 anos.
Finalmente o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, referiuse aos datos de paro rexistrado en febreiro e manifestou que "Galicia é a segunda comunidade na que máis descendeu o paro", en termos absolutos.
Segundo Conde, Galicia resiste grazas a "un Goberno galego que traslada confianza fronte a un Goberno central que xera inseguridade xurídica".