Ponte Caldelas organiza un certame de fotografía, cartelería e redacción para a Festa da Troita
Por Redacción
O Concello de Ponte Calcelas acaba de abrir o prazo de presentación de traballos para os concursos de fotografía e cartelería para a próxima edición da Festa da Troita. Así mesmo, está en marcha tamén un concurso escolar de redacción centrado neste evento cultural. Todas estas iniciativas teñen como obxectivo a difusión e promoción do festexo que este ano celebrará a súa edición número 54.
Os interesados en participar nestes certames teñen de prazo ata o 31 de marzo para facer chegar ao Concello os seus traballos.
A temática das fotografías debe virar ao redor desta cita gastronómica, ás tarefas tradicionais, as xentes ou o carácter de sustentabilidade da mesma. Desde a organización precisan que aceptarán fotos tanto en cor como en branco e negro e o soporte pode ser en brillo ou mate cun tamaño mínimo de 15x20 centímetros. O gañador levará 300 euros, o segundo, 200; e o terceiro, 100.
Para elixir o gañador do concurso do cartel, o xurado terá en conta a creatividade, o vigor da mensaxe gráfica, a idoneidade do traballo como cartel publicitario e a súa sintonía co espírito da festa.
Coas obras presentadas nas categorías de fotografía e cartelería, o Concello de Ponte Caldelas organizará unha exposición pública no Centro Cultural e na web entre os días 6 e 15 de abril. Ademais, os empadroados neste municipio poderán votar polos seus traballos favoritos despois dunha selección do xurado.
No referente ao concurso de redacción, os autores dos textos gañadores en cada un dos tres grupos de idade verán publicadas as súas obras no libro da Festa da Troita e unha tablet como agasallo.