Piden a dimisión da conselleira de Educación por defender o "enchufe", confirmado polo Supremo, dunha profesora en Restauración
Por Anxo Lourido
Primeiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e agora o Tribunal Supremo emitiron dúas sentenzas que demostran que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, creou unha praza por vía "irregular" e cunha "torticera actuación" para crear unha praza na Escola de Restauración de Pontevedra para Beatriz Seco, actual directora do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA); cuñada da alta representante do Partido Popular, Susana López Abella, ex secretaria xeral de Igualdade da Consellería de Presidencia, que agora forma parte da candidatura do PP en Lugo ao Parlamento Galego.
Os feitos remóntanse ao ano 2016 cando a Consellería creou unha praza para esta docente que tiña o seu posto de traballo en Avilés, no Principado de Asturias, e que non podía obter destino en Galicia porque non existía unha praza da súa especialidade nos centros educativos ao "non ser necesaria". Naquel momento se rexistrou unha indignación por parte do profesorado e do alumnado do centro e a CIG-Ensino promoveu as accións legais para evitar este caso de "enchufismo".
TSXG: "non aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza controvertida, canto tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma"
Agora o Tribunal Supremo avala a sentenza de 2018 do Tribunal Superior de Xustiza onde se indica que desde a Administración, a Consellería de Educación, actuou con "torcida intencionalidade" nun "claro caso de desviación de poder tendente a alcanzar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico (...). Non só non actuou con transparencia senón que o fixo con manifesto ocultismo, impendido o acceso á parte actora (CIG-Ensino) á información que debe existir en todo procedemento de selección". E continúa sinalando que a Consellería "non aportou razón algunha que xustifique a convocatoria, oferta e adxudicación da praza controvertida, canto tal especialidade non existe nesta Comunidade Autónoma, non resulta necesaria a súa impartición e a adxudicación supón a incorporación dunha nova profesora en detrimento da calidade da docencia e do funcionamento interno dos departamentos, sen esquecer a reducción económica que determina respecto da posibilidade de dotar a outras especialidades que si resultan necesarias".
Ademais, a sentenza sinala que hai outros feitos que "resultan esclarecedores da torcida intencionalidade da referida conduta" citando a "relación parental entre a adxudicataria da praza e a Sra. López Abella, Directora Xeral de igualdade da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza" e sinala que Beatriz Seco xa fora excluída, por incorporala de maneira irregular, da listaxe de persoal temporal da Consellería de Educación na especialidade de conservación e restauración. A sentenza sinala que se trata dunha "evidente mostra de nepotismo".
Ante esta contundente sentenza, Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino e o secretario comarcal Xacobe Rivas, piden a dimisión da conselleira de Educación Carmen Pomar pola defensa que fixo no Parlamento Galego da creación e adxudicación desta praza, acción que se remonta á etapa en que Román Rodríguez lideraba esta Consellería. Tamén arremeten contra José Manuel Pinal, director xeral de centros e recursos humanos e contra o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, por ter informado favorablemente no expediente xudicial e elaborar informes para xustificar o "caso de enchufe".
Desde o sindicato nacionalista alertan de que no aceptarán que a Consellería intente que Beatriz Seco teña preferencia para quedarse neste destino, despois dunha sentenza que o considera nulo de pleno dereito. Entenden ademais que a cuñada de Susana López Abella debería cesar no seu cargo de directora do Museo Pedagóxico de Galicia porque esta institución se ve afectada por toda esta situación irregular.
RESPOSTA DA CONSELLEIRA CARMEN POMAR
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, foi preguntada nesta mesma xornada por esta petición de dimisión e o caso de "enchufe" na Escola de Restauración de Pontevedra. Pomar sinalou que "é algo que vén de 2016. Desde 2018 está acatado o fallo e o recurso foi un dereito que a Consellería ten e por iso se fixo".
Para a máxima responsable de Educación en Galicia, a sentenza "está acatada desde 2018 e non hai nada máis que engadir".
Relacionadas:
-
Protesta en Restauración para rexeitar os "enchufismos" na selección de profesorado
Por Anxo Lourido |
-
Denuncian ante a Fiscalía o "enchufe" dunha docente na Escola de Restauración
Por Redacción |
-
Concéntranse ante a Xunta para denunciar un caso de enchufe en Restauración
Por Redacción |
-
A Xunta nega que haxa "amiguismo" na concesión dunha vacante en Restauración
Por Anxo Lourido |
-
Indignación na CIG e na Escola de Restauración ante "unha nova cacicada da Consellería de Educación"
Por José Alberto Graña Pérez |