Desarticulan un grupo organizado que roubou en 20 vivendas e vehículos de Vilaboa e Pontevedra
Por Redacción
A Garda Civil dá por desarticulado un grupo organizado ao que se atribúe unha vintena de roubos e furtos no interior de vehículos e en vivendas que se cometeron durante os últimos meses en distintos lugares e parroquias dos municipios de Pontevedra e Vilaboa.
A investigación liderouna a compañía de Pontevedra da Garda Civil no marco da denominada operación 'Hoguera' e pechouse coa detención de seis mozos de idades comprendidas entre os 17 e os 22 anos, todos con domicilios en Pontevedra e Vigo, algúns deles con antecedentes policiais por feitos similares.
As pescudas empezaron a principios deste ano por mor da proliferación dos furtos en vehículos e roubos con escalo en vivendas do municipio de Vilaboa e reforzáronse especialmente por mor dunha alerta cidadá recibida pola Garda Civil informando das circunstancias dun dos últimos roubos, sucedidos a finais do pasado mes de xaneiro.
O modus operandi era moi similar en case todos os casos e baseábase en actuar sempre durante a noite ou a altas horas da madrugada. Durante o día fixaban os seus obxectivos e vixiaban as vivendas, ás que accedían en horas nocturnas para desvalixar non só o que atopaban no seu interior, senón tamén todo canto de valor localizaban no interior dos vehículos que estaban estacionados dentro das propiedades.
En total atribúeselles a presunta comisión de 13 delitos contra o patrimonio cometidos nas parroquias e lugares de Bértola, Postemirón e Casfalcon, en Vilaboa e outros 6 en Salcedo e Lourizán, no municipio de Pontevedra, estes últimos investigados pola Policía Nacional.
Logrouse recuperar parte do material subtraído: ferramentas ( rebarbadoras, amoladoras, trades, etc.), patinetes eléctricos, roupa e aveños do fogar, fundamentalmente, que no seu maior parte xa foron devoltos aos seus propietarios.
Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Garda de Pontevedra, que decretou a liberdade provisoria de todos eles.
A investigación continúa aberta para identificar a titularidade dalgúns obxectos incautados cuxa procedencia se descoñece. Estes obxectos están depositados no Cuartel da Garda Civil de Pontevedra ao dispor das persoas que poidan acreditar a súa propiedade.