Os médicos consideran "inadmisible" facer acopio de máscaras polo coronavirus
Por Redacción
A crise do coronavirus provocou que, por todo o mundo, os cidadáns fagan provisión de materiais sanitarios para protexerse da posible chegada da enfermidade ás súas cidades. Esta conduta está a ser moi criticada polos profesionais médicos.
A este respecto, o Colexio de Médicos de Pontevedra emitiu un comunicado o que asegura que "non é eticamente admisible" acaparar equipos de protección e provocar que haxa carencia en lugares "nos que son precisos" como centros sanitarios e farmacias.
O uso de máscaras, lembran os médicos pontevedreses, non é un elemento "eficaz" de autoprotección porque xera un "efecto equivocado" de seguridade e motiva un "maior risco" de contraer o virus ao achegar as mans á boca e aos ollos para colocala ou retirala.
As medidas para a prevención deste e doutros virus respiratorios son, sinalan no seu comunicado, o lavado frecuente de mans, evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca, cubrir a boca ao esbirrar contra o antebrazo ou cun pano de usar e tirar e evitar o contacto próximo con outras persoas en caso de sufrir unha infección respiratoria.
Os médicos piden á poboación que utilicen os servizos sanitarios "sensatamente" e que, ante síntomas de febre, tose ou dificultades respiratorias, especialmente se se viaxou ou se tivo contacto con algunha persoa que veña dun país en zona de risco é "preferible" contactar co 061 no canto de acudir directamente ao hospital ou ao centro de saúde.
Con respecto aos propios profesionais, o Colexio de Médicos apunta que o coronavirus demostrou ter unha "alta capacidade" de propagación nos centros sanitarios, polo que recomendan a todos os médicos ser "especialmente escrupulosos" na observación dos pacientes que teña síntomas de infección respiratoria.
Ademais, desaconsella aos médicos a participación e a promoción de congresos, reunións e eventos científicos, incluíndo sesións clínicas con gran afluencia de profesionais naqueles centros onde se estean tratando ou se poidan tratar pacientes con coronavirus.
Relacionadas:
-
Médicos de familia de toda Galicia reuniranse en Pontevedra en setembro para o primeiro congreso post covid-19
Por Redacción |
-
As precaucións polo coronavirus chegan ás celebracións relixiosas da comarca
Por Redacción |
-
A Xerencia asegura que esta Área Sanitaria está preparada para afrontar o coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
Profesionais sanitarios denuncian a "neglixente" actuación do Sergas ante o coronavirus
Por Redacción |
-
As axencias de viaxes locais, principais afectadas debido ao coronavirus
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |