O Foro Universo Muller xunta a deportistas, mestras e xornalistas para debater sobre o deporte feminino
Por Sara Iglesias
Pontevedra será a sede do Foro Universo Muller, que se celebrará o venres 6 de marzo na Casa das Campás. Esta iniciativa pertence ao Tour Universo Muller, impulsado polo Consello Superior de Deportes e a Fundación Deporte Novo.
O foro, promovido pola Universidade, o Concello e a Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo impulsar a participación da muller no deporte de competición, mostrar os beneficios do deporte para a saúde e a representación da figura da muller deportista nos medios de comunicación.
Para iso, levaranse a cabo varias mesas redondas nas que participarán mulleres deportistas, profesoras da Universidade e periodistas. O ciclo de charlas marcará o inicio dunha fin de semana cun maratón de fitness e actividades deportivas e a carreira 'Pontevedra en forma pola igualdade', no marco do Tour Universo Muller.
A sesión comezará ás 17:30 horas cun acto de benvida. A primeira conversa, 'Una carrera de obstáculos' terá lugar ás 18:00 horas, coa participación da patinadora olímpica Sara Hurtado, a doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte María José Martínez Patiño e a presidenta de Mulleres Deportistas Galegas Mercé Barrientos.
A seguinte mesa será 'Mujer, deporte y salud' ás 19:00 horas, coa piragüista olímpica Teresa Portela, a porteira da Selección Española de Fútbol Sala Silvia Aguete, a profesora de Biología Funcional da Universidade de Vigo Iris Machado e a exjudoka Sabela Delgado.
Para rematar este ciclo, ás 20:00 horas será o turno da conversa 'La presencia de la mujer en la información deportiva', na que as relatoras serán a profesora de Comunicación Audiovisual da UVigo Ana Belén Fernández Souto, as periodistas Paula Montes e Cristina Gallo e a presidenta do CB Arxil Milagros Sanmartín.