O GALP Ría de Pontevedra recibe 22 solicitudes para as axudas a proxectos
Por Redacción
Tras o peche da primeira convocatoria de axudas a proxectos o pasado luns o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra recibiu un total de 22 solicitudes, 9 para proxectos produtivos e 13 para proxectos non produtivos.
As solicitudes presentadas supoñen un investimento que se achega aos 3 millóns de euros.
Durante o mes de febreiro a entidade levou a cabo doce xornadas de asesoramento para a nova orde de axudas a proxectos nas que se trataron cuestións xerais sobre a solicitude das axudas explicando determinados procedementos e trámites.
Con todo, cómpre recordar que o GALP Ría de Pontevedra admite a presentación de proxectos ao longo de todo o ano pero pasada a data da primeira convocatoria, as persoas emprendedoras poden presentar a súa solicitude a partir deste intre e será tida en conta na convocatoria de setembro en caso de haber remanentes de financiamento desta convocatoria de marzo.
A convocatoria deste ano conta cun orzamento amplo tanto para os proxectos produtivos –máis de 1,5 millóns de euros- como para os non produtivos -0,5 millóns de euros-. Unha das condicións para que os proxectos presentados puidesen optar á axuda era que encaixasen dentro dos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) como son a mellora da competitividade do sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura; o fomento da diversificación e a xeración de actividade económica na contorna da ría, as melloras ambientais e proxectos de sensibilización, a revalorización e conservación do patrimonio e o fomento tanto da cooperación como do desenvolvemento local.
O ano pasado entre ambas convocatorias recibíronse 32 solicitudes de axuda, 20 para proxectos produtivos e 22 para os non produtivos.
Destes proxectos, foron 16 os aprobados pola Consellería do Mar. O total das axudas aportadas foi de 960.000 euros para un importe subvencionable de 2.021.949 euros e uns orzamentos finais que sumaban 2.441.748 euros.
Desde 2016 o GALP Ría de Pontevedra distribuíu máis de 2,8 millóns de euros destas axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar (FEMP). Nestes anos, a entidade financiou máis de cincuenta proxectos na súa área de influencia que xeraron case trinta postos de traballo e consolidaron máis de setenta e cinco.