O CIM de Sanxenxo, galardoado co Premio Nélida Piñón
Por Oskar Viéitez
A Federación pola Igualdade de Pontevedra (Femupo) distinguirá co I Premio Nélida Piñón ao Centro da Información á Muller (CIM) de Sanxenxo.
"Fan un labor incrible por axudar a todas aquelas mulleres xa non só de violencia de xénero senon calquera muller que estea en risco de exclusión social", sinala a presidenta do colectivo, Raquel Touriño.
O premio entregarase o 14 de marzo nun acto que terá lugar ás 19.30 horas no Mercado de Estribela.
Nos últimos anos o Centro de Información á Muller experimentou un incremento tanto en atencións como en servizos e actividades en distintos ámbitos relacionados coa muller.
O recoñecemento chega ás portas da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro domingo 8 de marzo, xornada na que o Concello de Sanxenxo ten programada o Roteiro da Igualdade, "unha homenaxe especial a todas aquelas mulleres que quixeron cambiar o ritmo da súa vida, a favor da igualdade e da xustiza social e a todas as persoas que a día de hoxe loitan por conseguir unha sociedade máis xusta", sinala o concello.
A andaina arrincará o vindeiro domingo 8 de marzo, ás 10:30 horas, desde A Peixeira de Portonovo, en Caneliñas, en dirección Sanxenxo para terminar no miradoiro de Palacios.